A conselleira Ethel Vázquez, defende o gasto en infraestrutruras como “investimento” para mellorar a vida das persoas

Asisto esta mañá en Santiago de Compostela á unha conferencia que pronunciou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle no almorzo informativo do ‘Forum Europa. Tribuna Galicia’ organizado por Nueva Economía Forum.

Resaltou que grazas á boa xestión nos anos de crise o Goberno galego dispón agora de máis recursos para investir en política social, sanidade e educación, ademais de para aumentar a competitividade do territorio, contribuíndo á xeración de emprego, aumentar a cohesión social e activar servizos que melloren a calidade de vida.
Nese contexto, defendeu o gasto en infraestrutruras como “investimento” para mellorar a vida das persoas e apostou por levalo a cabo a través dunha planificación racional e responsable, adaptada aos ingresos, e asumindo as premisas do crecemento sostible e a economía baixa en carbono da Estratexia 2020 da Unión Europea, asumidas por Galicia.
Vázquez Mourelle puxo de relevo os avances conseguidos nos últimos anos a pesar da reducción de ingresos, nos que se conseguiu estender a rede autonómica de vías de altas prestacións, de tal forma que ao rematar este ano a súa extensión será un 66% maior que en 2009.
Referiuse así á Vía de Altas Prestacións entre Celeiro e San Cibrao, que funcionará este ano, á Autovía da Costa da Morte, que se abrirá ao tráfico en verán, e a estradas xa rematadas como a Autovía entre Ourense e Celanova, a Variante de Ortigueira, o treito da Vía Ártabra entre a N-VI e o enlace de Meirás, a primeira fase da Autovía do Baixo Miño, o eixe Sarria-Monforte a Variante de Noia ou a Terceira Rolda da Coruña.
A conselleira subliñou a importancia de conservar en bo estado as estradas e indicou que só neste ano se activou un programa de reforzo de firmes dotado con 23 millóns de euros e que xa ten máis do 80% dos contratos en execución.
Sinalou, ademais, o pulo á mobilidade sustentable, coa posta en marcha de aparcadoiros disuasorios ou a posta en marcha do Plan de Sendas de Galicia, que suporá a construción de 170 quilómetros de itinerarios seguros, saudables e integrados na paisaxe. E puxo o acento a mellora dos servizos de transporte público que supuxo a posta en marcha dos Plans de Transporte Metropolitano de Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo, facendo posibles aforros anuais para os usuarios de 600 euros, con transbordos gratuitos e descontos adicionais para as familias numerosas.
“Gobernar para as persoas é tamén poñer os vimbios para que os sectores produtivos traballen, xerando riqueza e, sobre todo, emprego”, manifestou a titular de Infraestruturas da Xunta, quen puxo de relevo a activación das plataformas loxísticas de Monforte e Salvaterra-As Neves (Plisan), ademais de adoptar importantes medidas para facer o solo empresarial máis accesible. Así, destacou que as rebaixas de ata o 50% no prezo do solo teñen conseguido a adxudicación de máis de 545.000 metros cadrados que se traducirán nun prazo máximo de tres anos nun investimento de 348 millóns de euros e a creación ou mantemento de 11.600 postos de traballo.
Ethel Vázquez tamén destacou a importancia das políticas sociais desenvolvidas pola Consellería que dirixe, xa que “nun momento en que familias que nunca antes sufriran problemas económicos se viron en risco de perder o seu fogar, así a Xunta de Galicia tomou partido por elas” e puxo en marcha 12 importantes medidas para loitar contra os desafiuzamentos e os seus efectos. E destacou entre elas medidas como o convenio asinado co maior banco de Galicia, Abanca, para paralizar os desaloxos, o acordo asinado coa Fegamp para coordinar cos concellos que as vivendas baleiras se inclúan nunha bolsa de vivenda social en aluguer, e o acordo cos avogados de Galicia para proporcionar asesoramento xurídico gratuito.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda mostrouse partidaria de seguir apostando por este camiño de impulso da mobilidade sustentable, de vertebración do territorio, de promoción da actividade económica e de dar facilidades no acceso á vivenda e á rehabilitación.

Así, avanzou que a Xunta seguirá a traballar para completar os eixes de comunicación, demandando que continúe o esforzo investidor do Ministerio de Fomento en infraestruturas en marcha como a Autovía Santiago-Lugo, a ampliación da AP-9 ou o AVE, e reclamando tamén novos proxectos como o eixe viario Lugo-Ourense; a Autovía Pontevedra-Vigo ou a mellora das liñas de ferrocarril de Ferrol e Lugo.
Por parte do Goberno galego sinalou como obxectivos rematar os eixes en marcha, con proxectos como a Autovía da Costa da Morte, a Autovía do Morrazo, a VAP do Baixo Miño ou a da Costa Norte.
Vázquez Morelle subliñou tamén que a Xunta seguriá traballando por fomentar o transporte públìco a través da construción das estacións intermodais e de medidas como a mellora da penetración e das paradas dos servizos de autobús interurbano nas cidades, poñendo en marcha a plataforma tecnolóxica SAE para proporcionar información en tempo real sobre os autobuses, e, especialmente, coa implantación, este mesmo ano, da gratuidade do transporte metropolitano para os menores de 18 anos.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.