Un acordo que establece o marco de colaboración para executar e desenvolver a nova estación intermodal de Ourense

Saliento unha esperada e boa nova, a de que hoxe o Consello da Xunta de Galicia, deu o visto e prace a un convenio marco de colaboración entre o Ministerio de Fomento, a Xunta, o Concello de Ourense e a entidade pública empresarial Adif-Alta Velocidade para executar e desenvolver a nova estación de autobuses da cidade das Burgas. Trátase de configurar un nó de intercambio modal coa estación ferroviaria e outros medios de transporte de viaxeiros.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou sinalou que os obxectivos fundamentais son principalmente tres: promover o uso do transporte público; mellorar a permeabilidade da cidade no entorno; e dotar á estación ferroviaria das instalacións necesarias para a chegada da alta velocidade no ano 2018.

Logo de indicar que, a través deste acordo, cada institución terá diversos compromisos, Feijóo especificou que a Xunta encargarase de redactar os proxectos, executar e financiar as obras da estación de autobuses integrada na estación intermodal, así como de redactar o proxecto, executar as obras e tamén financiar unha porcentaxe do novo aparcadoiro de turismos.

Do mesmo xeito, terá que obter os solos necesarios para a nova estación de autobuses e indemnizar aos arrendatarios dos contratos que teña en vigor ADIF-Alta Velocidade no ámbito da estación de autobuses.

Ademais, a Xunta deberá tramitar, conxuntamente co Concello de Ourense, as modificacións precisas no planeamento urbanístico.

Os compromisos do Ministerio de Fomento, de Adif e do Concello de Ourense: 

Pola súa banda, o Ministerio de Fomento terá que facer e tramitar o Estudo Informativo da Estación Intermodal de Ourense.

En canto a Adif-Alta Velocidade, terá que redactar os proxectos, executar e financiar as obras de adaptación da estación ferroviaria aos servizos de alta velocidade e as actuacións de mellora da permeabilidade peonil da cidade na zona.

Do mesmo xeito, deberá transmitir á Xunta os terreos e edificacións da súa titularidade necesarios para a execución da nova estación de autobuses e poñer a disposición do Goberno galego os terreos necesarios para a execución do aparcamento subterráneo. Tamén deberá financiar nun 33% a execución das obras deste aparcadoiro.

No que atinxe ao Concello de Ourense, Feijóo explicou que deberá promover e tramitar as modificacións necesarias no planeamento urbanístico, así como ceder á Fomento, Adif e á Xunta, de balde e libre de cargas e gravames, os terreos e aproveitamentos da súa titularidade necesarios para a execución da estación de autobuses.

Ademais, o Concello deberá realizar as actuacións relativas aos semáforos que sexan necesarias e facer a reorganización do transporte urbano que garanta a conectividade da estación intermodal coa cidade.

Segundo precisou Feijóo, trátase de “obras complexas que se insertan na cidade”, que “precisan urbanizacións e accesos para facilitar a entrada e saída dos autobuses” pero que, unha vez rematadas, permitirán a “permeabilidade dos barrios”.

Como avanzou, a Xunta ten a vontade de presentar a estación intermodal de Ourense no mes de xullo. “Esta é a nosa proposta e esperamos e desexamos que o resto das administracións públicas cumpran o seu calendario”, sinalou, co fin de que a estación intermodal estea lista no ano 2018.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.