Jesús Vazquez, elixido presidente do Partido Popular de Ourense Cidade


Esta mañá o auditorio do Conservatorio de Música de Ourense acolleu o Congreso local do Partido Popular de Ourense, no que participaron 300 compromisarios para elixir ao novo presidente do comité executivo local, cargo ao que concorreu unha única candidatura liderada por Jesús Vázquez Abad.

Comezóu á constitución da mesa do congreso, presidida por Manuel Cabezas, quen estivo acompañado por Daniel Barata como vicepresidente, Eugenia Díaz Abella como secretaria e María Antonia Rilo e Roberto Bermúdez como vocais.

A  continuación tivo  a lectura de senllos relatorios. O primeiro deles, realizado con  Juan Casares e Lorena Gómez,  e titulado “Avanzando coas persoas”, foi defendido por quen suscribe mentres que o segundo, realizado con Roberto Bermúdez e Miguel Prado “Comprometidos con Ourense”, foi exposto  por  Milagros Sierra Gómez. 

Logo a secretaria local, Belén Iglesias Cortés, falou para dar conta do informe de xestión.

A seguinte intervención correspondeu a Jesús Vázquez Abad para presentar ante o plenario a súa candidatura integrada por mais de sesenta persoas.

Dixo que o Partido Popular de Ourense sempre gozou de “mareas de apoio nesta cidade, pero mareas comprometidas cun proxecto serio e riguroso e non as conformadas por populismos de laboratorio” comprometéndose neste sentido a realizar un esforzo para “achegarnos á cidadanía de maneira efectiva, devolvéndolles ás persoas a confianza que depositaron en nós”.

Jesús Vázquez tamén falou de renovación –porque “o PP da cidade de Ourense debe ser un reflexo da sociedade”- xusto antes  de presentar ante o plenario ás persoas que lle acompañan na candidatura á xunta local. Unha elección moi difícil, asegurou, pola boa canteira de persoas comprometidas co PP e con ganas de traballar, animando a todos os presentes a que se sentisen parte do equipo. 

Logo foi  a quenda de votacións e tralo escrutinio Jesús Vázquez foi elixido presidente do Partido Popular de Ourense Cidade. A candidatura recibiu o 94,34 % dos votos emitidos polos 217 compromisarios que participaron na votación. 

Xa como presidente do PP local de Ourense, Jesús Vázquez comezou a súa intervención agradecendo o apoio recibido polos compromisarios e “aos meus presidentes por depositar en min toda a súa confianza”.

Vázquez dixo ser plenamente consciente de que deberá gañarse a proximidade e credibilidade da cidadanía, un reto no que asumiu a responsabilidade de dirixir pero como un militante máis. Neste contexto afirmou que se acabaron “os tempos do personalismo, do líder único responsable de erros ou acertos, do liderado indulxente, da distancia e o desapego á cidadanía e á organización”.

Avogou por conseguir que a cidadanía se corresponsabilice co proxecto do PP, “que participe nas nosas decisións e colabore nas nosas accións, que nos axude a situar Ourense no lugar que merece”.

Vazquez defendeu a necesidade de devolverlle a dignidade á actividade política, afastada das extravagancias e da corrupción, chamando a atención sobre o esgotamento e desmotivacións dos cidadáns.

Por iso, dixo, compre “volver acender o motor do noso partido na nosa cidade, rescatar os nosos principios e valores, reivindicar os nosos compromisos, asumir os nosos erros e poñer en valor os nosos acertos”. Para todo iso, engadiu, hai que aprender a escoitar, a dar respostas honestas e sinceiras, a manter contacto directo coa xente, abrir o partido á cidadanía e estar na rúa.

Jesús Vázquez definiu esta nova etapa como “un proxecto de corresponsabilidade, responsabilidade individual que asumo e responsabilidade colectiva que vos delego”. Un esforzo común, insistiu, que conta co respaldo dun partido ao que tamén ten que chegar a renovación, con espazos de debate, organizado e moderno e onde “non necesitamos unidade de pensamento, senón unidade de acción”

En clave municipal, subliñou nas súas palabras os logros alcanzados nos dez meses de goberno, “acadados grazas ao esforzo de todo o meu equipo e á inestimable colaboración coas outras administración”. Pero recoñeceu ser consciente de que non era dabondo, situando entre os seu primeiros obxectivos aos cidadáns máis desfavorecidos, comprometéndose a revitalizar o emprego na cidade e facilitar a inserción e conciliación laboral.

Apostou tamén por reforzar o atractivo turístico e cultural de Ourense, onde a muller teña protagonismo, os maiores atopen o seu espazo e os mozos “tomen partido no deseño dunha cidade que tamén é a súa”.

Alfonso Rueda

“Hoxe empeza unha historia nova no Partido Popular na cidade de Ourense e hoxe un magnífico alcalde se reforza cun montón de xente que o vai apoiar desde o partido”, dixo o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda na súa intervención no acto de clausura do congreso local.

Rueda sinalou que Jesús Vázquez é un valor para o PP e a cidade pois xa demostrou a súa valía á fronte dunha das consellerías máis difíciles que pode haber como é a de educación.

No ámbito galego e falando en clave electoral, Alfonso Rueda subliñou que “o PP é un partido que cre nel mesmo, que non depende dos demais que contan historias”,  chamando a atención sobre o liderado valeiro dos socialistas galegos e a deriva a nivel nacional sen criterio á hora de negociar con outras forzas.

“No PP seguimos igual de fortes que sempre para dicirlle á xente mirándolle á cara que si nos votades e gañamos gobernaremos”, engadiu o secretario xeral dos populares galegos.

“Non se me ocorre mellor principio para todo isto –concluíu- que seguir renovando o partido como fixemos nos últimos meses e seguir apostando pola fortaleza e unidade, por xerar política desde dentro sabendo que só depende de nós”.

Manuel Baltar

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, foi o encargado de pechar o congreso nun discurso que comezou felicitando a Jesús Vázquez “como o mellor alcalde posible”.

Baltar subliñou a actividade e dinamismo do Partido Popular de Ourense, “que nos últimos dous anos celebrou 73 congresos e o próximo sábado aínda celebrará o de Novas Xeracións e logo outros seis congresos locais máis. E seguro que ese é o segredo do éxito das 69 alcaldías populares na provincia e a única maioría absoluta en Galicia dunha Deputación”. O congreso local de hoxe, engadiu, “é o primeiro congreso do PP nunha cidade en España no 2016”.

Con referencias expresas a Rosendo Fernández como voceiro na oposición municipal e a Manuel Cabezas na súa etapa como rexedor da capital, o presidente provincial quixo poñer en valor un partido que non só mira ao futuro, senón que ten en conta aos que estiveron no pasado.

“Non hai ningunha outra forza política que teña un liderado claro como o que hoxe nace aquí, nin socialistas nin nacionalistas, polo temos que aproveitar este liderado, esta estrutura, este equipo que está disposto a traballar polo futuro da cidade e polo futuro da provincia”, dixo Baltar, salientando o proxecto de cidade e de partido de Jesús Vázquez, do que recoñeceu estar orgulloso.

Nestes dez meses, advertiu, o alcalde foi quen de transformar a imaxe do Concello de Ourense “auténticamente pavorosa por una xestión ordenada e consecuente, aplicando as propostas que puxeron sobre a mesa diante dos votantes e por esa seriedade eu creo que nesta nova etapa do partido imos experimentar unha multiplicación”. Así, “o gran reto será aumentar o apoio electoral por unha cuestión de plantexarse en serio a transformación da cidade”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta



Con la tecnología de Blogger.