Ana Pastor visita as estradas afectadas polas obras do AVE e o Mosteiro de Melón

Hoxe a ministra de Fomento en funcións Ana Pastor estivo naprovincia de Ourense, e tras visitar estradas reuniuse na casa consistorial de Paderne de allariz co alcalde deste concello, así co de Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Taboadela, e tamén co Vicepresidente da Deputación.

Tratábase de abordar a resposta aos danos causados polos camións e as maquinarias das construtoras nas estradas - provinciais e locais-  próximas ás vías polas que discorrerá a Alta Velocidade a Galicia.

Ana Pastor, advertiu ás construtoras que deberán facer fronte aos gastos de reparación, e que para o caso de que se neguen a pagar irán ás vías xurídicas para resolver a situación. A Lei de contratos e os pregos de contratación prevén que as empresas construtoras reparen os danos.

En todo caso Adif encargará os proxectos para reparar os viais afectados, executará os traballos directamente e logo restará esta contía aos cobros que teñen pendentes as compañías construtoras que se encargan das obras do AVE.

Unha visita moi pertinente para dar resposta a unha demanda real dos veciños destes Concellos.


Logo en compañía do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou o Mosteiro de Melón, monumento no que o investimento de ambas as administracións ascende a máis de 4 millóns de euros.


En concreto o Ministerio investirá 1,8 millóns de euros no desenvolvemento da primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do mosteiro; un investimento que se suma ao realizado polo departamento de Cultura da Xunta de Galicia nos últimos anos, que supera os 2,1 millóns de euros.

A Consellería asumiu a contratación e pagamento tanto do estudo arqueolóxico de depósitos como do proxecto da obra. Esta nova intervención enmárcase no Plan Director do Mosteiro. Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación.

Na parte de entrada, no lado norte, crearase un vestíbulo con control de acceso, incorporando unha porta de vidro cara ao claustro, e recuperarase e sanearase o pavimento de granito existente. Na esquina noroeste disporase un núcleo de comunicacións verticais, con escaleira e ascensor, realizado en estrutura metálica, ocupando o lugar no que orixinalmente se dispoñía unha escaleira, hoxe desaparecida. No lado oeste crearase un único espazo, ao que se vinculará un núcleo de aseos.

No referido ao claustro restaurarase o pavimento existente, executando previamente unha rede de drenaxe así como as canalizacións necesarias en previsión de futuras instalacións. Así mesmo recuperarase a parte norte deste espazo facendo unha reinterpretación con materiais modernos respectando a xeometría e o ritmo do orixinal, dado que non se atoparon entre os restos existentes na parcela suficientes pezas como para a súa reconstrución cos materiais orixinais.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.