Galicia comeza o 2016 cun incremento nas súas exportacións do 6,5% en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior

Hoxe coñecemos datos publicados polo Ministerio de Economía e Competitividade que acreditan que  Galicia comeza o 2016 cun incremento nas súas exportacións do 6,5% en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior.

O aumento das vendas ao exterior da comunidade supera en 4,4 puntos a media estatal, que rexistra un incremento do 2,1%. Galicia sitúase así como a quinta comunidade na que máis medran as exportacións neste primeiro mes do ano.
Este bo dato de xaneiro dá continuidade á tendencia do 2015, ano no que Galicia bateu unha vez máis o seu récord de exportacións, marcando o que é xa o seu mellor ciclo exportador. Así, a comunidade non só exportou un 5,6% máis que en 2014, senón que superou a marca histórica do 2013 nun 0,4%.
Como dicía antes as exportacións españolas de mercadorías creceron un 2,1% interanual en xaneiro de 2016, ata os 18.267,3 millóns de euros.  Esta taxa de crecemento é 5 puntos superior á do mesmo período do ano 2015, do -2,9%. En volume, o aumento foi maior, do 3,2%, ao caer os prezos, aproximados polos Índices de Valor Unitario (IVUs), un 1,0%. En termos desestacionalizados, o crecemento foi do 4,5% en taxa interanual.

As importacións, pola súa banda, rexistraron un lixeiro incremento dun 0,8%, ata os 20.653,9 millóns de euros. En termos de volume, o aumento foi máis significativo, dun 3,0%, xa que os prezos diminuíron un 2,2%. Con datos desestacionalizados, as importacións creceron un 3,7%.

Como resultado, o déficit comercial de xaneiro alcanzou os 2.386,6 millóns de euros, un 8,1% inferior ao do mesmo período de 2015, e o máis baixo rexistrado nun mes de xaneiro desde 1999.

A taxa de cobertura situouse no 88,4%, é dicir, 1,1 puntos máis que a de xaneiro de 2015 (87,3%) e a máis alta de toda a serie rexistrada nun mes de xaneiro. O saldo non enerxético arroxou un déficit de 750,3 millóns de euros (déficit de 579,2 millóns de euros en xaneiro de 2015), mentres que o saldo enerxético rexistrou unha mellora do 18,9% (redución do déficit enerxético), como resultado da substancial caída dos prezos da enerxía.


As vendas ao exterior dos nosos principais socios, en contraste con España, tiveron un mal comportamento este mes. Así, diminuíron as exportacións de Alemaña (-1,4%), Francia (-1,6%) e Italia (-3,5%). Tamén diminuíron as exportacións tanto da zona euro (-1,0%) como da Unión Europea (-0,9%). Fóra da UE, tamén caeron as exportacións de Estados Unidos (-10,7%) China (-11,2%) e Xapón (-12,9%).

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.