lunes, 22 de febrero de 2016

A sectaria e ofensiva declaración de Rajoy como "persoa non grata" perpetrada no Concello de Pontevedra

Participo esta mañá no faladoiro de Radio Voz que modera Antía Díaz Leal e na que tamén interviñeron Pablo Arangüena e Domingos Sampedro.

O tema central foi o pleno que estaba a celebrar á mesma hora no Concello de Pontevedra no que se debatía unha proposición de En Marea e PSdG-PSOE, que pedía que Mariano Rajoy fose declarado persoa non grata, so pretexto de que o seu goberno aprobou que ENCE puidese seguir co seu complexo industrial na cidade durante 60 anos máis.

Pleno no que finalmente foi aprobada grazas aos doce votos do BNG, que é a forza maioritaria na corporación que preside Miguel Fernández Lores. 

Dixen que esta declaración era inxusta, ofensiva, improcedente, atentatoria contra a honra e que ademais carecía de eficacia xurídica.

Inxusta por canto Mariano Rajoy, como político demostrou a súa entrega á cidade, desde a súa primeira responsabilidade como concelleiro, presidente da deputación de Pontevedra e desde as diferentes responsabilidades ministeriais e a presidencia do Goberno. Poucos políticos fixeron tanto pola súa cidade.

Ofensiva, improcedente e atentatoria contra a honra, por canto leva ao terreo persoal unha discrepancia política. Non estamos ante unha reprobación dunha decisión gubernamental, que sempre pode ser obxecto de crítica. Quérese marcar negativamente a unha persoa para desacreditala e humillala diante dos seus familiares e amigos. E iso é intolerable e moi antidemocrático.

E dixen que se adoptaba claramente un acto nulo sen eficacia xurídica algunha, e por un Concello que non ten competencias para declarar "persoa non grata" a ninguén, por moita maioría  que así o decida. Carece de base no ordenamento xurídico.

Especialmente critiquei ao alcalde Lores por actuar dun modo tan sectario e lembreille que o Bloque Nacionalista Galego demostrou o seu respaldo popular nas pasadas eleccións xerais, nas que foron a quinta forza política obtendo tan só o 6,46 % dos votos. Mentres que o PP, liderado por Rajoy obtivo un 32,82 %, cinco veces máis.

A intención do alcalde deste municipio, Miguel Fernández Lores, que permitiu usar ou Concello para declarar persoa non grata ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, só responde aos intereses do seu partido, e faille o xogo ás direccións estatais de PSOE e Podemos.

Afirmei que se o PPdeG usase a súa posición institucional para pedir declaracións semellantes para políticos doutras forzas políticas cos que discrepa ¿Que dirían de nós? ¿Que lle parecería ao Sr. Lores que o Parlamento de Galicia - no que o PP de G ten maioría absoluta -  declaráselle persoa non grata?

Tamén dixen que a controvertida decisión de prorrogar a concesión de ENCE foi unha decisión suxeita a un estrito proceso administrativo, regrado e esixente especialmente no referente á normativa ambiental europea. 

E que para a cidade de Pontevedra é unha decisión trascendente polo emprego que a planta xera e xerará, para o mantemento do nivel de actividade do porto de Marín e para todo o sector forestal galego.

Engadín que a decisión adoptada permite salvar os máis de 800 postos de traballo que esta empresa ten en Pontevedra e os máis de 5.000 en toda Galicia que dependen do funcionamento da súa fábrica de Lourizán. Ademais, abre a porta á creación dun maior volume de traballo na zona da man do forte compromiso de investimento da empresa en Pontevedra, que destinará 61 millóns de euros a melloras ambientais e operativas, e que poderán verse ampliados ata os 135 millóns grazas a unha nova planta de coxeneración con biomasa.

Un día triste para unha cidade que non merece ter un goberno sectario.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta