jueves, 18 de febrero de 2016

Impulso á rehabilitación do Claustro da Hospedería no Mosteiro de Melón

Destaco que onte a ministra de Fomento, Ana Pastor asinou xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, senllos acordos para a realización e financiamento de obras de acondicionamento de varias dependencias do Conxunto Catedralicio de Tui (Pontevedra) para usos culturais e obras de rehabilitación do Claustro da Hospedería no Mosteiro de Melón (Ourense), primeira fase.
Polo que se refire ao monumento ourensán, dicir que mediante un protocolo establécese que o Ministerio de Fomento, por medio da Dirección General de Arquitectura, Vivenda y Suelo, interveña no financiamento do 100% das obras, sendo ademais o órgano de contratación das mesmas. Pola súa banda, a Xunta de Galicia manifesta a súa intención de colaborar no financiamento dos honorarios correspondentes ás direccións facultativas e actuacións preceptivas en materia de seguridade e saúde. O proxecto foi encargado polo Concello de Melón coa colaboración da Xunta.
O Mosteiro de Santa María de Melón é un antigo cenobio cisterciense fundado no século XII. Estivo en uso ata 1.835 cando se produciu a Desamortización. Do edificio románico orixinal só se conserva o cruceiro, un das ábsidas e a capela chamada dos Forasteiros que contén presbiterio e hemiciclo, con cuberta de crucería. O resto do conxunto é gótico.
Con esta actuación proponse recuperar o segundo nivel da cuadrilla sur ata a cota de coroación, xa que o primeiro nivel recuperouse nunha intervención anterior e, na cuadrilla norte, proponse a fabricación de toda a estrutura de cantería da arquería.

No que atinxe á primeira fase das obras de recuperación e rehabilitación do Claustro da Hospedaría do Mosteiro de Melón, o orzamento previsto ascende aos 1,8 millóns de euros. Nesta primeira fase o proxecto consiste fundamentalmente na rehabilitación das alas norte e oeste do claustro da hospedaría nas súas plantas baixa, alta e cuberta, así como a recuperación e restauración do pavimento do mesmo. Ademais, executarase a rehabilitación da porta exterior de acceso ao adro do mosteiro (torre leste) debido ao seu mal estado de conservación.

Con esta nova actuación o investimento para a restauración deste BIC achegaríase aos 4 millóns de euros. Neste sentido cómpre lembrar que no 2015 a Consellería executou traballos de consolidación estrutural dos paramentos interiores da esquina suroeste do cruceiro, no seu encontro coa fachada principal, e substitución das cubertas das ábsidas da igrexa, deambulatorio e Capela do Cristo da Saúde, construíndo unha nova cubrición de tella sobre placas de fibrocemento e o illamento axeitado. Ademais, limpáronse, desinsectáronse e consolidáronse as pezas do retablo de san Xosé, na igrexa do Mosteiro; consolidáronse desde o interior os muros da esquina suroeste da igrexa e da pilastra da esquina do claustro reglar e limpouse a fábrica do campanario da igrexa.
Con esta actuación completáronse as melloras realizadas no ano 2012, que incluíron a reparación do cimborrio, e o resto das cubertas do templo, así como o reforzo dun contraforte da esquina nordeste do claustro; así como as realizadas nos anos 2009 e 2010 para a consolidación deste Mosteiro.
Sen dúbida unha excelente nova para a recuperación e protección do patrimonio cultural.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta