"O AVE significará para Ourense o que os ourensáns se propoñan”

Fago un alto na campaña electoral para asistir, en compañía de Edelmira Barreiro, ao acto de presentación e a una conferencia dentro do marco da xornada sobre "Estratexias para un futuro con Ourense como destino turístico. Aproveitamento da chegada do AVE", que se desenvolveou na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) .

Abiu a xornada o presidente José Manuel Pérez Canal, que puxo de manifesto a disposición da Confederación Empresarial de Ourense e dos empresarios para impulsar a estratexia que nos sitúe nas ·mellores condicións para rendibilizar a chegada do AVE a Ourense”. Destacou o presidente da CEO que “o destino colocounos como porta de entrada a Galicia desde a meseta, circunstancia que tamén pode constituír un valor no futuro”. Aproveitou para lembrar “a existencia de once parques empresariais en toda a provincia, con 300.000 metros cadrados de chan dispoñible; unha cidade atractiva e moderna, con outros enclaves repartidos pola provincia de gran beleza e con importantes recursos históricos, monumentais e paisaxísticos. Todos eles destinos cómodos e seguros, con aloxamentos de calidade a prezos alcanzables”

Resaltou a aposta da CEO polo progreso coa posta en marcha de ferramentas como a Oficina de Atracción de Investimentos, creada recentemente e que está destinada a captar negocios para a provincia a base de poñer en contacto a potenciais investidores con emprendedores ou tamén empresarios que teñen un negocio ou unha idea e precisan financiamento ou alianzas para gañar capacidade financeira.

Admitiu que o entusiasmo do empresariado ourensán será insuficiente para levar adiante unha tarefa que precisa a implicación colectiva, por iso apelou ao respaldo das administracións e institucións para que poida ser unha realidade que achegue beneficios netos para a provincia de Ourense.

 Logo foi o turno do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que defendeu a importancia de potenciar a "Marca Ourense" desde a cooperación, a innovación e a idea de "crer para crear". Baltar afirmou que a chegada do AVE en 2018 será un factor de cohesión "que contribuirá a unir o gran "puzzle" de potencialidades que temos na nosa provincia nos ámbitos cultural, turístico, tecnolóxico, gastronómico, empresarial e termal; e para que todas as pezas encaixen debemos ser quen de aproveitar as condicións e oportunidades que temos para achegar esa realidade económica e competitiva".

Destacou "as oportunidades inmediatas" que se lle presentan á provincia de Ourense para posicionarse e difundir as súas potencialidades, entre as que citou o feito de que Ourense "será a provincia protagonista da "Vuelta a España" 2016 coa disputa de catro etapas en territorio ourensán, converténdose na provincia de máis relevancia nos 72 anos de historia desta proba ciclista". Tamén lembrou o Plan "Ourense, a provincia termal" que a Deputación está a desenvolver conxuntamente coa Xunta de Galicia, e citou como exemplo da boa promoción que se está a facer neste ámbito o feito de que "os balnearios da provincia tiveron na pasada ponte da Constitución unha ocupación do 100 %".

Outros importantes aspectos de promoción turística que estamos a vivir, en opinión de Manuel Baltar, son os traballos para lograr que a Ribeira Sacra sexa distinguida como Patrimonio Mundial da Unesco, e a oportunidade que suporá de promoción deportiva que o COB xogue na ACB na vindeira tempada. "Todo iso, unido a que en Ourense contamos co centro de I+D+I máis importante de Galicia, a Tecnóple; que somos líderes en denominacións de orixe vitivinícola e na exportación de lousa, e tamén recoñecidos internacionalmente polo nosos sectores termal, agroalimentario e textil, fai que se abra ante nós un futuro do máis alentador que temos que saber aproveitar con impulso que nos dará a chegada da alta velocidade en 2018", dixo Manuel Baltar.

E logo foi o turno do ponente e Doménec Biosca, experto en turismo e presidente da Asociación de directivos e expertos en empresas turísticas, que comezou dicindo que “crer é crear” e que é necesario “empuxar todos a un tempo e non poñer pegas”, sen deixar marxe “a que ninguén se dedique a pegar tiros nos nosos propios pés·. Afirmou con rotundidade que “o ave significará para Ourense o que os ourensáns se propoñan”, baseándose na experiencia que supuxo o AVE noutras cidades españolas, das que nomeou repetidamente a Valladolid, Girona, Tarragona, Barcelona, Sevilla ou Málaga; desta última indicou que “os malagueños, unidos, están a conseguir un espectacular despegamento e convertela nunha nova Barcelona”.

Para logralo deu algunhas pistas, aínda que a inmensa maioría delas pasan pola actitude dos propios ourensáns, de “resaltar e rendibilizar os moitos valores dos que dispón”, canalizados a través do liderado institucional. Entre eles referiuse á importancia do Campus para ofrecer una a formación universitaria de calidade, a formación de estudantes estranxeiros, unha importante rede de contactos (utilizando o gran número de galegos repartidos polo mundo en postos ou situacións de privilexio. “Non se imaxinan o importante que pode ser ter galegos por todos os sitios”, dixo, encontros empresariais, e así unha longa lista de iniciativas.

Insistiu en colocar por encima de todas elas a capacidade e o entusiasmo da sociedade ourensá para potenciar a marca Ourense, xa que a marca é o que os demais opinan de nós.

Ademais de destacar a colaboración institucional, apuntou algunhas cuestións básicas destinadas ao ámbito xeral e que afectan a cada cidadán ou profesional, no ámbito que sexa. Nesa especie de catecismo do márketing sinalou que “se uno non cre en si mesmo, nada funcionará”, “o AVE é como unha especie de sangue que se move polas veas dos territorios”, “todos xuntos podemos ser unha cadea de atractivos mediáticos de confianza”, “as novas tecnoloxías son unha ferramenta importantísima e imprescindible”, “os clientes queren fiabilidade, facilidades, ambiente festivo, que lles vendan felicidade de forma activa, persuasión e fascinación polo que ve ou lle ensinan”.

Manifestou o profesor Biosca que “os novos retos han de responder as demandas dos visitantes, ofrecendo servizos coordinados”, así como que “resulta imprescindible incorporar a propína dixital, consistente en que os clientes se fagan unha foto en cada negocio ou en cada destino, diante dos produtos á venda coas marcas e o nome do negocio detrás (unha especie de photocall), que despois propagarán a través das redes sociais”, multiplicando así o efecto da mensaxe.

Considerou esencial “dispoñer de wifi gratuíto nas rúas e información de todos os eventos en todos os sitios”, así como a necesidade de institucionalizar unha estratexia destinada “a fidelizar aos clientes que nos visitan, pedíndolles calquera contacto tecnolóxico para enviarlles logo información constante da nosa actividade e manterlles ao tanto do que estamos a facer en cada momento”.

Sen dúbida una interesante ponencia, que ven a corroborar o que levo moitos anos defendendo, que non é outra cousa que é o extraordinario cambio que experimentará Ourense coa chegada do tren de alta velocidade.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.