Eleccións Xerais 2015: De campaña en Verín, Xinzo e Ourense

Onte pola mañá a campaña electoral do PP levoume a Verín, onde en compañía de Juan Jimenez Morán e outros simpatizantes e militantes, percorremos as rúas desta importante Vila á vez que visitamos locais de negocio e fixemos entrega da nosa publicidade. 

Tamén puiden saudar na sede local ás persoas que desinteresadamente fan o traballo de ensobrado das papeletas ao Congreso e ao Senado.

A continuación viaxei a Xinzo de Limia, onde cos candidatos Miguel Viso e Ana Vázquez, acompañamos ao alcalde Antonio Rodríguez  e a outros concelleiros e militantes na repartición de propaganda electoral nun día de feira.

Logo pola tarde estiven no auditorio municipal de Ourense onde a partir das 17,45 horas desenvolveuse un foro empresarial  que contou coa presenza da vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, quen afirmou preferir “a seguridade á incerteza e o PP, co seu balance destes catro anos, pode avalar un novo proxecto de futuro”.

Sáenz de Santamaría fixo virar o seu discurso ao redor de tres eixos, como son o terrorismo yihadista, o debate territorial e o camiño da economía española. O pacto antiyihadista e a cooperación internacional son básicos para facer fronte ao terrorismo, dixo, para engadir que “non podemos negociar o que non é noso e pertence á soberanía dos españois”, en referencia a Cataluña, e asegurar que o PP sempre defenderá a unidade, a igualdade dos españois e o respecto da lei.

A vicepresidenta centrouse con todo no ámbito económico, repasando a situación coa que se atoparon ao chegar ao Goberno. En 2011 España era a maior incerteza en Europa, sinalou, “e o rescate era moi real”. Agora, salientou, “de cada dous empregos que se crean en Europa uno é español, crecemos a un ritmo do 3 %, o dobre que Alemaña e o triplo que Francia, e somos un referente en toda Europa”.

Ante os empresarios, Sáenz de Santamaría detallou as medidas que o PP expón  para fomentar o emprego estable, que é o gran obxectivo do programa popular, como as rebaixas nas cotizacións para o emprego indefinido, unha segunda rebaixa  fiscal, a suspensión do IRPF durante un ano para quen acceda ao primeiro emprego, a baixada do imposto de sucesións, o impulso á transferencia do coñecemento ou a unidade de mercado.

A vicepresidenta, que tamén se referiu á reforma das administracións públicas “que permitiu aforrar 13.000 millóns de euros”, defendeu todas as reformas e propostas do PP para unha próxima lexislatura “porque ademais de programa temos equipo e experiencia, fronte a outros que van sós ou é que non teñen ninguén bo ao seu lado”.


E finalicei a xornada, participando co alcalde Jesús Vázquez, a concelleira Belén Igrexas, o conselleiro Román Rodriguez e a candidata Belén Quevedo nun mitin no barrio ourensán de San Francisco, no local da Asociación de Veciños “Os Montes”


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.