Remata o Debate sobre o Estado da Autonomía coa aprobación de 50 propostas de resolución

Hoxe rematou no Parlamento de Galicia o Debate sobre o Estado da Autonomía coa aprobación de 50 propostas de resolución, das que 38 foron propostas polo Grupo Popular, dúas transacionadas por este grupo parlamentario co Grupo Mixto e as dez restantes correspondían aos distintos grupos da oposición e contaron co apoio dos deputados populares.

Unha destas últimas dí que “O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a que, con carácter de urxencia, demande do Goberno central medidas e recursos humanos e materiais que faciliten a participación electoral da cidadanía galega, e do resto da cidadanía española, que residen no exterior de España. As medidas deben contemplar, cando menos, campañas de información institucional sobre o procedemento de voto, dotación de persoal aos consulados e viceconsulados, habilitación de oficinas consulares provisionais espalladas polo territorio onde resida cidadanía española no estranxeiro, adecuación dos horarios destas oficinas consulares as necesidades dos cidadáns: apertura fóra da xornada laboral, en fins de semana, etc.”

A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez, criticou que os grupos da oposición “apostaran máis polos seus intereses que por propostas dirixidas ás persoas, ás familias que aínda están padecendo os problemas da crise e os fogares aos que aínda non chegou a recuperación”.

Marta Rodríguez considerou “sorprendente que os grupos da oposición non apoiaran a redución do imposto sobre a renda, sobre todo ás rendas medias e baixas; nin que se exima do imposto de sucesións ao 99 por cento dos galegos; nin que se active un programa de impostos cero no rural”. “Trátase dunha espléndida batería de rebaixas fiscais que trasladan á cidadanía a nova situación económica que estamos a vivir”, apuntou.

“As nosas propostas de resolución apostan por consolidar a recuperación económica e loitar contra o desemprego, mellorar os servizos públicos e que os efectos da recuperación cheguen a toda a cidadanía galega”, manifestou a viceportavoz popular. Neste sentido, criticou que PSOE, AGE e BNG votaran en contra da redución de impostos, da posta en marcha dun plan estratéxico para o sector lácteo, a rebaixa do prezo dos carburantes ou da devolución da paga extra aos empregados públicos, ao tempo que non apoiaran ás medidas de apoio ás familias e á infancia

 Marta Rodríguez recoñeceu que “a crise que vivimos ten consecuencias moi duras para moitas persoas, e a recuperación aínda non se nota en moitos fogares”, polo que considerou “imprescindible seguir a carón das persoas que non teñen emprego e das que se atopan en risco de exclusión”.

Porén,  a viceportavoz popular fixo referencia ao informe da Rede Europea de loita contra a pobreza e a exclusión social publicado no día de onte, no que se recolle que Galicia foi a comunidade española que rexistrou un maior descenso da taxa de risco de pobreza desde o ano 2009, ademais de que fora a única comunidade autónoma onde a renda media por persoa se incrementou durante os anos de crise.

“A súa credibilidade non só queda en entredito cando se fala de sanidade, educación ou desigualdade, senón tamén cando se fala doutros ámbitos como o naval”, indicou Rodríguez Arias lembrando as críticas da oposición aos floteis e ao traballo existente na actualidade nos estaleiros galegos e, sobre todo, na ría de Ferrol.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.