jueves, 15 de octubre de 2015

Presentado un Plan de Relanzamento da Industria Eólica

Esta mañá foi presentado no Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo Plan de Relanzamento da Industria Eólica (PRIE) co que se quere potenciar a industria eólica que é un sector estratéxico tanto en España como en Europa, con empresas españolas en toda a cadea de valor da industria, cun elevado perfil tecnolóxico e gran capacidade exportadora. Está ben situada para ter un papel relevante no cambio da estrutura económica nacional cara a un modelo de futuro orientado á creación de valor e o recoñecemento da calidade dos produtos españois nos mercados internacionais.

O Plan de Relanzamento da Industria Eólica (PRIE) contén unha serie de medidas específicas, acordadas entre o sector eólico e o Goberno, encamiñadas a dinamizar o mercado interno, aumentar a capacidade exportadora e a presenza internacional das empresas así como potenciar a I+D+i.

O PRIE confórmase como un conxunto de 15 medidas agrupadas ao redor de tres eixos principais: Medidas para o desenvolvemento industrial, medidas de impulso ás exportacións e á presenza internacional e medidas para favorecer a I+D+i.

Co desenvolvemento deses tres eixos do PRIE, perséguese un triplo obxectivo: Mellorar a capacidade produtiva do sector eólico, asegurar o acceso da industria aos mercados internacionais mediante produtos competitivos e de calidade e potenciar a I+D+i para continuar á vangarda tecnolóxica.

Esta acción encádrase dentro das actuacións da Axenda para o fortalecemento do sector industrial en España aprobada polo Goberno e que recolle entre os seus obxectivos potenciar sectores con alto valor tecnolóxico. Con este fin o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Ministerio de Economía e Competitividade colaboraron para debuxar as liñas futuras de acción.

Segundo explicou o presidente da Asociación Empresarial Eólica (AEE), a aplicación do PRIE pode supoñer un incremento do 35% do valor das exportacións do sector ata unha media anual de 3.000 millóns en 2020; a creación de 3.500 novos postos de traballo industriais; unha recadación fiscal adicional de entre 30 e 40 millóns anuais; ingresos á seguridade social por valor de 35 millóns ao ano; e o impulso ao cumprimento dos obxectivos vinculantes do 20% da demanda bruta de enerxía no ano 2020.

España é o terceiro país de Europa en fabricación de aeroxeradores e o quinto a nivel mundial. Ademais, é o terceiro exportador mundial de aeroxeradores.

O efecto tracto da eólica é dos maiores porque en España desenvólvense todas as actividades da cadea de valor (promoción, construción, fabricación e servizos). O sector conta con 195 centros de fabricación en doce comunidade autónomas e crea cinco veces máis emprego que as tecnoloxías convencionais de xeración.

Existen 12 centros de investigación e 14 universidades con actividades no sector. Todo iso provoca o mantemento dos estándares de produtividade competitivos internacionalmente.

Na actualidade hai 1.077 instalacións eólicas en preto de 800 municipios, que provoca un probado efecto revitalizador nas comunidades rurais nas que se instala.

Salientar que o actual Goberno galego aportou seguridade ao desenvolvemento da eólica en Galicia

Como dicía hai poucas datas no Parlamento de Galicia, o conselleiro Francisco Conde ese traballo supuxo en primeiro lugar a anulación dun concurso eólico “cheo de sombras”, o do bipartito, cuestionado polo TSXG, que avalou a súa anulación en 12 sentenzas; polo Consello Consultivo, que observou trazas de ilegalidade; polos 55 recursos presentados contra a resolución; polo presidente da Xunta naquel momento; e polos membros da comisión de avaliación do concurso, que abandonaron o procedemento.

Para garantir unha seguridade xurídica plena ao sector eólico, e en resposta a un compromiso electoral do propio presidente, o goberno galego suspendeu primeiro, e anulou despois, ese concurso. Fronte á inseguridade xerada polo reparto eólico do bipartito, sinalou Conde, o actual Goberno galego traballou para recuperar o tempo perdido. Froito dese traballo aprobou a Lei 8/2009, que establece un canon eólico, a pagar polas empresas promotoras, grazas ao que se recadaron 137 millóns de euros que están a beneficiar aos concellos galegos.

A ese texto se sumou o novo concurso en 2010, no que o Goberno actual primou a obxectividade, a transparencia e a seguridade xurídica, reforzando o investimento e a creación de emprego. E pese a unha situación complexa, no marco actual da reforma eléctrica, o concurso eólico galego continúa avanzando, coa tramitación do 85% dos megavatios do concurso, e a autorización de 11 parques, que suman 254 MW e un investimento de case 400 millóns de euros. 
Un efecto positivo ao que se engaden os plans industriais asociados, que están a desenvolver as empresas adxudicatarias, e que suman máis de 800 millóns de investimento e 1.800 postos de traballo, máis da metade dos comprometidos ata o 2020.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta