jueves, 24 de septiembre de 2015

Asinado o Acordo para a estabilidade e sustentabilidade da cadea de valor do sector de vacún de leite

Onte tivemos unha moi boa e non menos esperada noticia, que foi a firma do Acordo para a estabilidade e sustentabilidade da cadea de valor do sector de vacún de leite. 

Foi asinado ante a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina.

O acordo foi  asinado por representantes da distribución, a industria e a produción.

Na súa intervención, García Tejerina lembrou que estamos ante unha situación de prezos no sector lácteo europeo que está a afectar á rendibilidade de moitas explotacións gandeiras. A ministra precisou que esta situación "difire sensiblemente entre comunidades autónomas, segundo sexa o grao de organización do sector, polo que avanzar na mellora da organización e vertebración deste sector é parte do acordo".

Ante esta situación, García Tejerina subliñou que o Goberno traballou desde o principio da Lexislatura para dar o máximo apoio aos gandeiros do sector lácteo, especialmente desde o final do sistema de cotas lácteas e ante a baixada de prezos no mercado europeo.

A ministra insistiu en que "non hai ningún Estado membro da Unión Europea que adoptase tantas medidas a favor do seu sector lácteo como o Goberno español"

Así, a ministra explicou que o Goberno traballou para que o sector teña máis axudas da Política Agrícola Común. En concreto, o sector vai recibir este ano 250 millóns de euros, 33 millóns de euros máis que o ano pasado.

Ademais, o Goberno negociou na Unión Europea unha axuda adicional de 25,5 millóns de euros, máis do dobre do que se lle asignou a España na maior crise do sector lácteo europeo, en 2009.

A ministra engadiu que o vindeiro venres propoñerá ao Consello de Ministros a aprobación dun real decreto para a concesión dunha axuda de ata 10.000 euros por explotación a aquelas que non están a cubrir os custos de produción.

En total, 300 millóns de euros, dos cales 80 millóns son adicionais este ano para as explotacións gandeiras, aos que hai que sumar outros 11 millóns noutro tipo de medidas de promoción, de consumo de leite nas escolas ou axudas ás organizacións de produtores.

Por outra banda, García Tejerina sinalou que, ao longo desta Lexislatura o Goberno deu ferramentas moi importantes ao sector para que teña maior seguridade xurídica, como a lei de mellora da cadea alimentaria e o paquete lácteo. Ao mesmo tempo, "apostamos pola organización do sector", a través da lei de integración cooperativa, o recoñecemento das Organizacións de Produtores Lácteos e mediante a medida de financiamento destas organizacións.

No ámbito comunitario, a ministra recalcou o traballo realizado con outros ministros para que a Comisión ofrecese un paquete de medidas para o sector, dotado con 500 millóns de euros en axudas, medidas de regulación de mercados, promoción e mellora da cadea de valor, "onde España vai por diante doutros países xa que somos o modelo no que se baseará a Comisión".

Celebro pois este Acordo que deberá propiciar estabilidade, sustentabilidade e maior creación de valor ao leite ao longo de toda a cadea, e que deberá traducirse en mellores prezos, beneficiando especialmente aos gandeiros de leite de vacún, con tanta presencia en Galicia.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta