sábado, 8 de agosto de 2015

Sobre a terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense

Saudo a boa nova de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia os traballos para a elaboración dos estudos previos da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Ourense. Esta infraestrutura desenvolverase dentro do termo municipal de Ourense, nas inmediacións da actual estación de ferrocarril, situada na Avenida de Marín.

 A Dirección Xeral de Mobilidade vén de rubricar o contrato de servizo polo que se levarán a cabo estes traballos, que foron adxudicados á empresa SGS Tecnos SA, por un importe de 38.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.
Este estudo, que estará rematado neste mesmo ano, deberán analizar catro variables, como as necesidades e análise de impacto, o estudo funcional da nova terminal de autobuses, a avaliación de liñas, viario e tráfico e o levantamento topográfico.

Así, a empresa adxudicataria realizará un levantamento topográfico do ámbito da actuación e os seus arredores coa extensión suficiente para a perfecta definición da zona. Este punto incluirá o levantamento completo dos edificios existentes no ámbito da intervención. Tamén constarán todos os elementos existentes na parcela de tal xeito que se poidan identificar os servizos afectados.

Estudo de necesidades

Este estudo ten por obxecto o establecemento do programa de necesidades da nova terminal de autobuses integrada na intermodal de Ourense. Fixarase a capacidade mínima da nova terminal no que respecta a número de dársenas, servizos a prestar e dimensionamento de plataformas. Definiranse ademais os espazos e áreas necesarios para asegurar unha axeitada maniobrabilidade dos autobuses e avaliaranse as necesidades de aparcadoiro para turismos.

Análise de impacto

Realizarase unha análise dos impactos que a actuación prevista terá sobre a contorna e en especial, sobre a poboación da área metropolitana de Ourense. O obxectivo é analizar a potencialidade das actuacións previstas, avaliando o número actual e futuro de usuarios de ambas estacións, as pautas de mobilidade e desprazamento da poboación da área metropolitana e valorando o número de usuarios intermodais potenciais.


Estudo funcional

Coñecidas as necesidades e realizada a análise de impacto, avaliaranse os espazos anexos ao actual edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril, ocupados por aparcadoiros e edificios varios, coa fin de determinar a mellor localización para a nova terminal de autobuses coas mínimas afeccións posibles.


Dimensionaranse adecuadamente as zonas destinadas ao viaxeiro, a instalacións e a autobuses, garantindo unha axeitada accesibilidade, maniobrabilidade e operatividade dos mesmos e as destinadas a turismos.

Liñas, viario e tráfico

En primeiro lugar, realizarase un estudo de reordenación das liñas de autobuses do servizo público regular de uso xeral de transporte de viaxeiros competencia da Xunta, motivada pola apertura da nova terminal de autobuses.


O obxectivo do estudo é elaborar unha proposta de itinerarios e puntos de parada dentro do termo municipal de Ourense, tendo en conta a localización da nova terminal e a capacidade xeométrica do viario inmediato.

En segundo lugar, cada posible ordenación de liñas estudada realizarase en función das dimensións e radios de xiro dos autobuses e demais vehículos que vaian ter que acceder á nova terminal. Neste informe terase en conta tamén calquera viario previsto no planeamento urbanístico.

En terceiro lugar, levarase a cabo un estudo da incidencia sobre o tráfico do funcionamento da estación intermodal e da nova reordenación de liñas de autobuses proposta. Analizarase a repercusión, que sobre o tráfico rodado actualmente existente na contorna da estación de ferrocarril, previsiblemente poidan ter os novos fluxos de peóns, ciclistas, automóbiles e autobuses derivados da entrada en funcionamento da estación intermodal.

Plan de accesibilidade

Esta actuación vai na liña de traballo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, quen esta mesma semana licitou por un importe de máis de 80.000 euros a redacción dos plans de accesibilidade do transporte interurbano aos centros das cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo. Trátase dunha iniciativa incluída no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que analizará os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.


No caso de Ourense, a necesidade de definir un modelo de conectividade das redes de transporte urbana e metropolitana dificultaron a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano. Así, o plan de accesibilidade terá que ter en conta o incremento do servizo de transporte colectivo, coa mellora da súa accesibilidade nos respectivos centros urbanos e da conectividade entre ambas redes, urbana e metropolitana.

Entre os obxectivos da Consellería de Medio Ambiente está mellorar a mobilidade na Comunidade galega, polo que está a traballar para facer do uso do transporte público metropolitano máis atractivo para o usuario ao dotalo dun mellor acceso aos núcleos urbanos, reducindo os tempos de viaxe e o número de transbordos a realizar.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta