viernes, 7 de agosto de 2015

A actividade de financiamento directo do ICO reactívase en 2015


Acabamos de coñecer que o Instituto de crédito Oficial (ICO) , que preside a pontevedresa Irene Garrido, concedeu 508 millóns de euros no primeiro semestre de 2015 a través dos seus programas de financiamento directo (tanto préstamos coma avais). Os préstamos directos multiplicáronse por máis de cinco con respecto aos 92 millóns de euros do mesmo período de 2014. Estes programas financian grandes proxectos de investimento de empresas españolas con proxección internacional ou proxectos de especial interese para a economía española. En ambos os dous casos, trátase de investimentos produtivos por importe superior a 15 millóns de euros para proxectos desenvolvidos en España e de 20 millóns para os que se realicen no estranxeiro e preferentemente en cofinanciamento con entidades financeiras privadas.


Durante o primeiro semestre, en torno a un 90% do financiamento directo orientouse cara a operacións nacionais, especialmente nos sectores de telecomunicacións, infraestruturas, enerxía e medioambiente. Nestas operacións o ICO estuda, concede e asume o risco de crédito da operación.

Polo que respecta á actividade das Liñas de Mediación do ICO, no primeiro semestre de 2015 formalizáronse préstamos por importe de 5.984 millóns de euros.


ICO está a adaptarse ás novas condicións de recuperación da economía española. Cumpriu un papel anticíclico no financiamento das pemes durante os anos máis duros da crise, e agora está a ser substituído polas entidades financeiras privadas, que están a normalizar a súa oferta de crédito.


É previsible que durante o ano 2015, a concesión de préstamos mediante as Liñas de Mediación do ICO se sitúe no volume medio histórico dos anos previos á crise.

O total de financiamento mediante as Liñas de Mediación ICO formalizouse mediante 98.159 operacións de préstamo a autónomos e pemes. Estas Liñas seguen constituíndo o núcleo da nova actividade do ICO no ano.

O groso do financiamento ICO dirixiuse a autónomos e microempresas (empresas entre 1 e 9 traballadores), xa que o 65% das operacións que se realizaron este ano, se concedeu a este colectivo. Igualmente un 54% das operacións ten un importe inferior a 25.000 euros.

No primeiro semestre de 2015, obsérvase que o obxectivo de financiamento das Liñas de Mediación (excluíndo a Liña de exportación a curto prazo) está a evolucionar dende o financiamento de liquidez ata o financiamento de proxectos de investimento, representando un 44% do total, fronte ao 39% que representaba no mesmo período de 2014.

Estes datos reflicten a tendencia á mellora da demanda de crédito solvente por parte de autónomos e pemes españois.

Con respecto á distribución xeográfica das empresas beneficiarias, cabe destacar que as empresas e autónomos da Comunidade Autónoma de Cataluña foron os principais destinatarios das Liñas de Mediación ICOneste período, cun 14,35% do total, seguidos polos de Valencia, cun 13,21% e Madrid, un 12,48%.


 Do total de Liñas de Mediación, a Liña Empresas e Emprendedores, cuxa finalidade é o financiamento de investimentos produtivos e/ou as necesidades de liquidez, é a liña máis demandada polas empresas, xa que se concederon a través desta Liña 3.982 millóns de euros a través de 71.914 operacións de préstamo.

A continuación sitúase a liña destinada a financiar a actividade exportadora das empresas a curto prazo, que concedeu 1.899 millóns de euros en préstamos a través de 25.863 operacións. Habería que destacar que esta liña representa xa o 31,7% do volume total concedido mediante as Liñas ICO.


Polo que respecta aos sectores de actividade das empresas beneficiarias, destaca a industria, cun 28,7% de volume concedido, seguido polo comercio, cun 25,6%


Tamén hai que subliñar neste semestre, que a actividade xestionada polo ICO creceu un 6,9% respecto ao mesmo período do ano 2014, alcanzando os 177.003 millóns de euros.

O conxunto da actividade xestionada polo ICO inclúe, ademais do investimento crediticio reflectido no balance do ICO, a xestión de Fondos por conta do Estado, é dicir, os fondos e instrumentos de financiamento oficial á exportación e ao desenvolvemento, tales como o Fondo para a Internacionalización da empresa (FIEM), o Fondo para a Promoción do Desenvolvemento (FONPRODE) e outros instrumentos financeiros que o Instituto xestiona para o financiamento das Comunidades Autónomas e as Entidades Locais por conta do Estado, medidas de política económica que contribúen á mellora das condicións de financiamento da economía.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta