viernes, 28 de agosto de 2015

A economía española medra o 3,1% interanual, o rítmo máis alto en oito anos, e crea 477.400 novos postos de traballo

Onte coñecemos os datos da Contabilidade Nacional Trimestral publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que acreditan que a economía española creceu o 1% no segundo trimestre deste ano respecto do primeiro e o 3,1% nos últimos doce meses Son taxas que recuperan os ritmos de crecemento de 2007, é dicir, previos á recesión que se iniciou un ano máis tarde.

Reflicten tamén que, en relación á media da zona euro, España crece a un ritmo que máis que triplica a media dos países cos que compartimos moeda. A creación de emprego tamén se acelera, cun crecemento do 2,9% no último ano, o que supón 477.400 novos postos de traballo equivalentes a tempo completo.

Trátase dun crecemento robusto e equilibrado que é o resultado da corrección dos desequilibrios macroeconómicos acumulados e das reformas levadas a cabo. Tanto a demanda interna coma a externa melloran a achega ao crecemento económico

O consumo e o investimento contribúen ao crecemento interanual do PIB con 3,3 puntos porcentuais, dúas décimas máis que no primeiro trimestre, e dan fortaleza á recuperación da economía española. O sector exterior resta 0,2 puntos, dúas décimas menos que no primeiro trimestre, dato que se explica por unha aceleración das exportacións dun punto porcentual (ata o 6%), mentres que as importacións o fan en 0,2 puntos (ata o 7,2%). Estes datos demostran o forte dinamismo do sector exterior español e son coherentes á súa vez coa evolución da demanda interna.

Entre os compoñentes da demanda nacional, destaca o maior ritmo de avance do gasto en consumo final de fogares, que se acelera tres décimas en termos intertrimestrais, ata o 1%, cun crecemento interanual que se mantén no 3,5%. O gasto en consumo final das Administracións Públicas, pola súa banda, desacelérase 1,3 puntos, ata anotar unha taxa intertrimestral do 0,4%.

A formación bruta de capital fixo móstrase máis dinámica e anota un avance intertrimestral do 2%, seis décimas superior ao do primeiro trimestre. A devandita mellora explícase pola aceleración do investimento en bens de equipo e activos cultivados, cuxo aumento alcanza o 3,2% intertrimestral, o dobre que no trimestre previo. A iso hai que engadir o maior avance dos produtos da propiedade intelectual, que rexistra un crecemento intertrimestral do 0,9% no segundo trimestre, sete décimas superior ao do primeiro. Pola súa banda, o investimento en construción desacelérase dúas décimas, ata o 1,4% intertrimestral.


A menor detracción da demanda externa neta ao crecemento interanual do PIB débese a unha aceleración das exportacións máis acentuada que a das importacións, con taxas do 6% e 7,2%, respectivamente, superiores en 1 e 0,2 puntos ás do trimestre previo. En termos intertrimestrais, o crecemento das exportacións alcanza o 1,6%, taxa que cuadriplica á do trimestre precedente (0,4%) e as importacións se aceleran case dous puntos, ata o 2,3%.

Dende a perspectiva da oferta, o VAB (valor engadido bruto) do sector servizos acelerouse dúas décimas no segundo trimestre, anotando un incremento intertrimestral do 0,8%, e o VAB de agricultura intensificou en 2,3 puntos o seu ritmo de aumento, ata o 2,8% intertrimestral. Pola súa banda, o VAB da industria anotou unha variación do 1,4%, medio punto inferior á do trimestre anterior e o VAB da construción avanzou o 0,8%, seis décimas menos que no trimestre precedente.


A taxa interanual do deflactor do PIB sitúase en terreo positivo por segundo trimestre consecutivo, no 0,6%, unha décima por enriba da do primeiro trimestre. Esta lixeira aceleración foi debida, principalmente, ao repunte do deflactor do investimento, cuxa taxa de variación se duplicou ata o 1,2%, e ao maior incremento do deflactor das exportacións (0,9%, taxa superior en medio punto á do primeiro trimestre). En taxas interanuais, a construción completa un ano en positivo (5,8% no segundo trimestre), Agricultura volve a taxas positivas (2,2%) e a Industria (3,5%) acelérase.

Finalmente, o emprego mantén a tónica de aceleración iniciada o pasado ano. O ritmo de creación de emprego equivalente a tempo completo intensificouse no segundo trimestre de 2015, unha décima en termos intertrimestrais, ata o 0,9%, o que supón a creación neta de 152.600 postos de traballo equivalente a tempo completo. En termos interanuais, o emprego creceu un 2,9%, unha décima máis que de xaneiro a marzo, o que supuxo a creación de 477.400 postos de traballo equivalente a tempo completo.

Como consecuencia da evolución do PIB e do emprego, a produtividade por ocupado pasou de diminuír un 0,1% interanual no primeiro trimestre a crecer un 0,2% no segundo. A remuneración por asalariado desacelérase seis décimas en taxa interanual, ata o 0,2%, de maneira que os custos laborais unitarios (CLU) caen un 0,1% tras aumentar o 0,9% no trimestre previo.