sábado, 29 de agosto de 2015

Avanzan as obras de construción da nova EDAR de Ourense


Aproveito as primeiras horas do día de hoxe para correr polas marxes do Río Miño e tras cruzar pola pasarela de Outariz vexo con satisfacción a evolución moi adiantada das obras de construción da nova Estación depuradora de augas residuais EDAR de Ourense. Así o acreditan estas fotografías.



Trátase dunha actuación completa de saneamento da área da capital que inclúe a construción de colectores, nova EDAR, demolición da EDAR existente e restauración ambiental das zonas afectadas.

Cun caudal máximo de tratamento de 4.238 m3/h, o triplo que o da actual EDAR, a nova instalación en construción poderá tratar as augas residuais dunha poboación de 350.000 habitantes/equivalentes, e solucionar os problemas estruturais e operativos que fixeron necesaria a construción desta nova planta.

O seu deseño permitirá, ademais, a centralización dos equipos de tratamento de lamas nun edificio; a agrupación dos tratamentos; o mínimo trasfego de lamas entre etapas de tratamento; a garantía de repartición e extracción a liñas unitarias de tratamento; a garantía de facilidade de trasfego e de mantemento de equipos; a redución de emisións de olores e de aire a desodorizar; e a accesibilidade das canalizacións e dos equipos.

Unha vez que rematen as obras, demoleranse as actuais instalacións e procederase ao acondicionamento e revexetación dos terreos nos que se sitúa, como parte da recuperación ambiental e paisaxística de todo o espazo afectado da marxe esquerda do río Miño.

Recordo que o investimento previsto é de 59,3 millóns (IVE engadido), e nos PGE para 2015 hai para esta actuación unha partida de 27,5 millóns de euros e no proxecto de lei de PGE de 2016 hai previsión de consignación de 6,52 millóns de euros.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta