O Plan Smarturismo para transformar o turismo tradicional en turismo intelixente

Saliento da actualidade de hoxe, a presentación do Plan Smarturismo, unha iniciativa, no marco da Axenda Dixital de Galicia 2020, dotada con 10 millóns de euros, e que establecerá as pautas para facer de Galicia un destino turístico intelixente; e adaptará os modelos de negocio aos novos hábitos de consumo turístico. Un plan, en definitiva, para modernizar as infraestruturas tecnolóxicas do turismo en Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción, a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no sector; e potenciar os Camiños de Santiago.
Neste acto o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo avanzou que a principios de outubro estará dispoñible a Plataforma Tecnolóxica do sector (EXTRANET), unha ferramenta única de acceso a todos os servizos que proverá Smarturismo. Unha canle dixital para o sector, que estará integrada coa sede electrónica da Xunta, para facilitarlle a xestión online da súa información administrativa e promocional.
A finais de ano publicarase o novo portal de Turismo de Galicia, un novo espazo para a difusión da oferta turística e a localización de contidos e servizos polo turista, que estará orientado a dispositivos móbiles e que reforzará a comercialización do produto turístico galego. E, no último trimestre do ano tamén arrancará o primeiro fito dunha liña específica para potenciar os Camiños de Santiago, SmartCamiño, á que xa se adheriron máis de 700 empresas situadas na Ruta Xacobea.
Sobre este punto, Feijóo destacou a publicación dun portal do Camiño xunto cunha aplicación móbil para que os peregrinos poidan recibir información en tempo real a medida que avanzan cara Compostela –desde servizos turísticos e comerciais de cada lugar por onde pasan, a cambios meteorolóxicos, información de albergues, eventos...-; “e, antes de que remate o ano, dotarase de conexión Wifi, nunha primeira fase, a 46 dos albergues públicos do Camiño”.
Ao longo da súa intervención, Feijóo garantiu o esforzo da Xunta para conseguir unha integración real das TIC neste sector para facilitar a súa modernización, a prestación de servizos avanzados e a optimización de recursos.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención destacando os datos da última Enquisa de Ocupación Hoteleira, datos que reflicten que o número de viaxeiros aloxados en Galicia acumulado ata maio deste ano chegou a preto de 1,2 millóns, o que significa un aumento do 10% respecto ao mesmo período do ano pasado –a cifra máis alta dos últimos cinco anos-; e o turismo internacional increméntase nunha porcentaxe superior ao total (17%), e xa representa o 26% do total de viaxeiros aloxados.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.