Feijóo anuncia a implantación do bono de alugueiro social para axuda ás persoas en situación de emerxencia social

Hoxe, ao termo da xuntanza do Consello da Xunta,  o presidente Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación da implantación do bono de alugueiro social para axuda ás persoas en situación de emerxencia social que non poidan facer fronte ao pago da renda de alugamento.

Trátase dunha medida, dixo, que contará cun orzamento de 3,3 millóns de euros para garantir o custo do alugueiro de 750 vivendas anuais.

Segundo detallou mediante este bono social, a Xunta concederá axudas para o pago do alugueiro de ata 4.050 euros, a dividir ao longo de dous anos, a familias afectadas por desafiuzamentos a causa do impagamento do alugueiro. De xeito máis concreto, engadiu, o importe desta axuda será de 150 euros, que poderán concederse como un bono mensual durante doce meses prorrogables por outros doce ás familias beneficiarias sen que o importe poida superar o prezo do alugueiro.

Ademais, explicou, poderanse conceder outros tres bonos nun só pagamento para facer fronte aos gastos derivados da formalización do novo contrato; en concreto, a constitución de fianza e a alta de subministracións. Desta maneira o número máximo de bonos a conceder a unha familia será de 27 nun período de 24 meses cun importe total máximo de 4.050 euros.
Feijóo sinalou que, ademais, este programa permite a posibilidade de realoxamento dos afectados en vivendas xestionadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. E que, ao seu abeiro, poderanse realizar dous tipos de intervención, en función de se a unidade familiar corresponde a un colectivo de atención preferente ou non.

Así, no caso das unidades familiares incluídas nalgún colectivo de atención preferente, como colectivos sociais desfavorecidos, vulnerables ou en situación de exclusión social, o IGVS poderá realizar o realoxamento nunha vivenda xestionada polo organismo, preferiblemente nas vivendas postas á disposición da Xunta pola Sareb, polas entidades financeiras ou, no seu defecto, nunha vivenda de promoción pública propiedade do IGVS.
Consideraríanse colectivos de atención preferente as familias numerosas ou monoparentais con fillos a cargo, as familias con todos os seus membros en situación de desemprego, ou as mulleres vítimas de violencia de xénero que estean nesta situación cunha antigüidade máxima de 12 meses.
E por outra banda, tamén poderán acceder ás axudas do Programa bono de alugueiro social as unidades de convivencia que non pertenzan a ningún destes colectivos. Feijóo explicou que se trata, en definitiva, de familias que xa teñen data de desaloxamento da súa vivenda alugada.
As axudas do bono de alugueiro social van dirixidas a unidades familiares ou de convivencia con ingresos familiares ponderados que non superen 1,5 veces o Iprem, o que supón entre 745,51 euros mensuais para unha soa persoa e 1.553,15 euros mensuais para unha familia con cinco membros ou máis.


Inicialmente, proseguiu, o programa estará dotado con 3,3 millóns de euros ampliables en función das necesidades que se vaian albergando, que permitirán dar cobertura á totalidade dos desafiuzamentos por impagamento de alugueiro que se produzan e que cumpran os requisitos establecidos.
Explicou así que con este diñeiro “poderemos afrontar o custo de 750 vivendas anuais e, polo tanto, poñemos á disposición das familias con dificultades, -ademais das vivendas en propiedade de entidades financeiras, das propias do IGVS-, 750 vivendas adicionais das que a Xunta de Galicia se compromete a financiar o alugueiro mensual por un importe de 150 euros ao mes”.
O bono social, agregou, percibirao directamente o arrendador, de tal xeito que ten a obriga de non lanzar o inquilino por impagamento da renda.
Garantir o dereito á vivenda

O titular da Xunta salientou que esta medida amplía outras como os programas Reconduce e Realoxa, tamén para persoas en risco de desafiuzamento por falta de pagamento do alugueiro. E ao respecto, apuntou que se crearán catro oficinas máis, unha en cada provincia, que se sumarán á que xa funciona en Santiago.


Mencionou, na mesma liña, o Rexistro de Vivendas Baleiras, presentado onte mesmo e que permitirá contar cun censo de posibles vivendas que ofrecer a afectados por desafiuzamentos. E, igualmente, destacou o proceso de diálogo aberto con distintas entidades financeiras, como Abanca ou Caixa Rural Galega, para que nos casos de desaloxamento por impagamento de hipotecas as familias afectadas poidan permanecer na mesma vivenda; e para garantir un paquete importante de vivendas baleiras destas entidades coas que dar cobertura a estas persoas.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.