Hoxe tivo
lugar no Pazo de Raxoi, unha xuntanza do presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo co novo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a terceira dentro da súa
rolda de encontros cos alcaldes
Trala
visita Feijóo, anunciou que axilizará os trámites para dotar a cidade de
Ourense dun Plan de Transporte Metropolitano que poida supoñer “abaratamento do
prezo do billete entre un 20 e un 50 por cento para os que utilizan con
carácter ordinario o transporte metropolitano en Ourense. Esta iniciativa é,
segundo subliñou “prioritaria” tanto para o Goberno autonómico como para o novo
equipo municipal. Ademais, vaise crear unha comisión de traballo para impulsar,
“de forma conxunta” co Concello, a estación intermodal, que o xefe do Executivo
autonómico espera poder “licitar no ano 2016”.
Feijóo
recalcou a vontade da Xunta de “rematar os proxectos que xa están en execución”
na cidade das Burgas e tamén “asumir novos compromisos”, sempre desde o diálogo
e a cooperación entre Administracións.
O
presidente fixo balance das actuacións que a Xunta levou a cabo nos últimos
anos en Ourense, entre as que ten un lugar moi importante a construción do novo
edificio xudicial, “a infraestrutura xudicial máis importante que se ten
construído nos últimos sete anos” e no que se invertiron máis de 18 millóns de
euros.
Como no
resto de Galicia, tamén se fixo en Ourense un esforzo importante en materia de
benestar, pois aumentaron nun 145% o Servizo de Axuda no Fogar, creáronse 180
prazas públicas máis para maiores (150 nunha nova residencia e 30 no centro de
día) e se incrementou tamén nun 30% o número de prazas en garderías.
Ampliación
do Hospital e impulso a infraestruturas:
Feijóo e Vázquez trataron tamén a ampliación do Hospital Público de Ourense.
Nela lévanse investidos 41 millóns de euros, “que converten Ourense —dixo o
presidente— no eixo de dous proxectos europeos: o Hospital 2050 e Innova
Saúde”. Dentro deste último presentouse o proxecto piloto das unidades móbiles
cirúrxicas, que entrarán en funcionamento na provincia este mes de setembro. O
xefe do Executivo autonómico sinalou que a primeira fase da ampliación do
hospital, que “permitirá concentrar tódolos seus bloques nun único edificio”,
estará rematada o próximo ano.
Entre os
temas que se abordaron na xuntanza estivo tamén a conservación da Ponte do
Milenio, da que se encargará a Xunta de Galicia; a conexión entre a autovía e o
polígono de San Cibrao das Viñas, á que se destinarán case 20 millóns de euros
nos orzamentos de 2016; a reforma de dúas infraestruturas educativas como son o
IES Universidade Laboral e o CIFP A Farixa; a ampliación da Escola de Idiomas;
a rehabilitación dun edificio próximo ás Burgas para que funcione como albergue
e a remodelación integral da praza de Abastos. Alén diso, o presidente
comprometeuse a analizar as necesidades de renovación das instalacións
deportivas da cidade.
Promoción
económica
No eido da promoción económica de Ourense, Feijóo resaltou o compromiso da
Xunta coa “capital termal de Galicia” e a súa colaboración para a construción
das infraestruturas previstas no Plan Ourense Termal. Tamén informou ao alcalde
de Ourense de que será o Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole a que acolla a
aceleradora de innovación Agrobiotech, que permitirá “priorizar investimentos”
de cara a sectores como o agroalimentario, o biotecnolóxico e o da biomasa.
En
definitiva, o presidente da Xunta congratulouse por ter “unha folla de ruta ben
deseñada” para cumprir o compromiso coa cidade de Ourense, a terceira de
Galicia, e impulsar a súa “modernización, actualización e preparación para
recibir o tren de Alta Velocidade”.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta