domingo, 28 de junio de 2015

Próximo debate do Informe da Subcomisión de Estudo e Análise do Sistema Ferroviario Español

O próximo martes 30 de xuño celebraremos unha sesión da Comisión de Fomento na que debateremos e previsiblemente aprobaremos o Informe elaborado pola Subcomisión de Estudo e Análise do Sistema Ferroviario Español.


Unha Subcomisión cuxa creación foi aprobada polo Pleno do Congreso o 10 de outubro de 2013 e cuxo obxecto era elaborar un informe sobre a situación das infraestruturas ferroviarias e as propostas de mellora do sistema ferroviario español en prol de conseguir maior seguridade, prevención, competitividade, cohesión e articulación territorial.



Subcomisión que nacía como unha reacción parlamentaria tras o tráxico accidente acontecido en Angrois, Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013 que conmocionou a todos os cidadáns, e ao sector ferroviario.


Comezou a súa actividade a Subcomisión o 30 de outubro procedendo á aprobación do seu plan de traballo, fixándose un listado de 40 comparecentes por proposta de todos os Grupos e acordándose a súa agrupación por categorías (catedráticos, profesores e expertos, representantes de empresas do sector, representantes dos sindicatos ferroviarios, cargos das diferentes Administracións e empresas públicas, etc.).


A partir do 26 de novembro de 2013, comezaron as comparecencias que tramitamos en 16 sesións, despois de recibir a un total de 39 comparecentes, que libremente escolleron a súa temática e que amablemente responderon ás moitas preguntas dos deputados integrantes da Subcomisión.



Tamén estes comparecentes achegaron documentación moi valiosa que puxeron a disposición da Subcomisión e que no informe se referencia. Moitas grazas a todos eles.

Finalizadas estas comparecencias celebramos varias sesións para deliberar e redactar o informe, podendo todos os Grupos Parlamentarios presentar propostas de textos, alternativas, etc.


E finalmente, coas achegas dende todos os Grupos, chegamos a un Informe, que foi aprobado pola Subcomisión o pasado 24 de xuño e que é un documento de síntese, e o resultante dun moi alto nivel de consenso entre os integrantes da Subcomisión de Estudos, de tal sorte que non tivo ningún voto en contra, sendo avalado por GPP, GPS, GPCiU e as abstencións do GPIU, GPV e GPMixto.



Informe que metodoloxicamente organizamos en tres partes, a primeira na que se recolle todo o que acabo de citar, a segunda parte deste informe, que recolle de xeito obxectivo un resumo e análise das diferentes comparecencias celebradas. E como consecuencia do anterior, unha terceira parte do informe onde enumeramos as principais conclusións e recomendacións ás que chegamos os integrantes da Subcomisión, dende a nosa perspectiva política.


O martes próximo debaterase este Informe que tiven a responsabilidade de coordinar e será o momento de que tras escoitar as posicións dos voceiros dos diferentes Grupos Parlamentarios, a Comisión de Fomento, que é soberana, se pronuncie ao respecto.

Por iso agardo á súa aprobación para comentar o seu contido, especialmente o relativo ao apartado de conclusións e de  recomendacións.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
 Recibirá resposta