A Subcomisión do Sistema Ferroviario aproba o seu ditame final logrando un amplísimo consenso

Esta mañá foi aprobada na Comisión de Fomento do Congreso por 34 votos a favor (GPP, PSOE e CIU), 3 abstencións (PNV, BNG e Compromís) e un único voto en contra de Esquerda Plural, o informe final da Subcomisión de estudos e análise do sistema ferroviario español, que comezou os seus traballos en outubro de 2013 e na que compareceron en 16 sesións un total 39 expertos de todos os ámbitos, que libremente escolleron a súa temática e que amablemente responderon ás moitas preguntas dos deputados integrantes da Subcomisión.

A todos os comparecentes  agradeceín a súa desinteresada asistencia e o seu afán por contribuír con exposicións moi ben preparadas á mellora do noso sistema ferroviario.

Na miña intervención, como coordinador dos traballos da subcomisión, creada tras o accidente de Angrois destaquei que o seu obxectivo se cumpriu, xa que ao longo de case dous anos se analizou minuciosamente a situación do sistema ferroviario e se formulan propostas "en prol de conseguir maior seguridade, prevención, competitividade, cohesión e articulación territorial". En total, o informe aprobado hoxe presenta un total de 84 conclusións e recomendacións.

Citei expresamente a conclusión previa, que é aquela pola que a Subcomisión acorda asumir na súa totalidade o contido do informe da Comisión técnico-científica para o estudo de melloras no sector ferroviario - que presidiu un dos comparecientes Ignacio Barrón -  por canto este se pronuncia sobre a situación actual e futura do sector ferroviario español., achegando relevantes elementos dentro dunha óptica profesional, técnica e científica, sendo á vez obxectivo e crítico.

Na miña intervención destaquei que, despois destes meses de traballo, se pode asegurar que o ferrocarril é un modo de transporte moi eficiente e competitivo, con grandes vantaxes en relación á capacidade, á velocidade, á articulación do país e á preservación do medio, e subliñei que a súa incidencia no desenvolvemento económico, tecnolóxico, social, cultural e turístico resulta moi relevante.


Recoñecín o traballo de todos os integrantes da Subcomisión que me acompañaron e que dende o primeiro día puxeron un enorme interese nos traballos desta: Andrés Ayala, Rafael Simancas, Pere Macias, Ascensión de las Heras, Rosana Pérez, Isabel Sánchez Robles, María de la Concepción de Santa Ana, Manuel Pezzi, Guillermo Collarte, Laura Seara, Sebastián González e Joan Baldoví


Concluín a miña intervención asegurando que a conclusión máis importante á que chegamos é que "o sistema ferroviario español é un sistema seguro, equiparable aos mellores do mundo, pero que existe unha marxe de mellora" que "é preciso explorar e atender".

Nesta mesma liña pronunciouse o voceiro do GPP, Andrés Ayala, que insistiu en que "o sistema ferroviario español é un sistema seguro, pero que que a seguridade absoluta non existe, polo que sempre se pode mellorar e niso é no que temos que seguir traballando todos".

Ayala cualificou o ditame final como un documento "de síntese" e dixo que "é o suficientemente flexible como para que poida ser asumido por calquera goberno de calquera partido político, o que demostra a xenerosidade de todos á hora de ceder na súa redacción,".

Todos os grupos destacaron nas súas intervencións a gran cantidade de emendas aceptadas de todos eles e a alta calidade dos expertos comparecentes, que enriqueceron, sen dúbida, o informe final elaborado.



Entre as conclusións aprobadas pola subcomisión está a de asumir na súa totalidade o informe da comisión técnico-científica creada polo Ministerio de Fomento en 2013 pola súa elevada óptica profesional e por ser, á vez, obxectivo e crítico.

A maior parte das recomendacións propostas son para mellorar a seguridade do sistema ferroviario (un total de 17), aínda que tamén se propoñen cuestións en materia técnica, en materia de contratación, de planificación, de financiamento, en relación ao modelo ferroviario e outras.

Recoméndase que a seguridade se valore ao longo de todo o ciclo ferroviario, que se teña en conta sempre o factor humano e os factores organizacionales, non só os técnicos, e aínda que se recoñece que as medidas de seguridade en España son equiparables ás de calquera país avanzado se pide poñer atención a factores que poden mellorala, como a supresión de pasos a nivel, o impulso das análises sistemáticas dos rexistradores xurídicos (caixas negras), a mellora dos sistemas de información e comunicación nas cabinas de condución ou a revisión dos protocolos médicos psicofísicos para os profesionais revisando os prazos e os niveis de esixencia, entre outras medidas.


Xa á marxe da seguridade pero tamén a xeito de conclusións sublíñase que, toda vez que o horizonte da planificación é o medio e longo prazo, é desexable que a planificación estratéxica das infraestruturas fose consensuada entre as diferentes forzas políticas.

A subcomisión determina que a planificación das infraestruturas debe considerar o interese xeral e ter en conta non só factores económicos, senón tamén estratéxicos, de seguridade, sociais e ambientais e fai unha mención especial á alta velocidade sinalando que, na medida do posible, se debe intentar manter o nivel de investimento necesario para culminar á maior brevidade posible as conexións de alta velocidade xa planificadas.

Considérase que o modelo ferroviario actual español é un modelo válido, en sintonía coa Unión Europea, aínda que se recoñece que existe marxe de mellora no marco lexislativo do sector e en materia de financiamento se subliña que a tendencia non debe ser o financiamento exclusivamente vía presupostaria, senón que débese maximizar a rendibilidade dos fondos e mecanismos europeos, así como as posibilidades que ofrece a colaboración público-privada. No caso dos servizos catalogados como obriga de servizo público (proximidades e media distancia), especifícase que as achegas do Estado deben garantir a mobilidade dos cidadáns e a calidade dos servizos aínda que aplicando o sentido da racionalidade.


A subcomisión tamén fai recomendacións respecto á necesidade de que os procedementos de licitación e contratación das infraestruturas ferroviarias se fagan de forma que se garanta que as modificacións durante a execución se limiten a casos consecuencia de imponderables, así como para que se potencie o papel das enxeñarías durante o desenvolvemento dos proxectos e na fixación dos prazos de execución, algo que, en opinión dos grupos, supoñerá un maior control do custo.

En relación aos aspectos técnicos, recoméndase poñer máis atención ás liñas convencionais e ás de proximidades, fomentar as estacións sostibles, accesibles e intermodais, tender na planificación a unha progresiva implantación do ancho de vía estándar e a electrificación progresiva, sempre que sexa posible. 


Este o enlace de acceso ao debate do informe elaborado pola Subcomisión de Estudio e Análise do Sistema Ferroviario Español.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
 Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.