O crecemento económico e a creación de emprego, como freo aos desafiuzamentos

Onte no Pleno do Congreso debateuse unha Interpelación do Grupo de La Izquierda Plural, sobre as medidas que pensa adoptar o Goberno fronte aos desaloxos hipotecarios defendida polo deputado Sixto Iglesias.


Respondeu o ministro de Economía e Competitividade, Luis De Guindos, recoñecendo que os desafiuzamentos son unha "cuestión tremenda" dende o punto de vista social, unha cuestión que crea alarma social e que xunto a ela, existe un parque de vivendas que, nunha porcentaxe relativamente elevada -non vou entrar nas cifras, porque é algo difícil de identificar-, están desocupadas. Isto é algo que dende o primeiro momento fixo meditar o Goberno. "

A continuación o ministro aludiu a uns recentes datos do INE, segundo os cales o 0,05% do total das vivendas familiares, uns 18 millóns de vivendas, iniciaron unha execución hipotecaria no primeiro trimestre do ano 2015. O 28% do total das execucións iniciadas no primeiro trimestre do ano 2015 son vivendas habituais, de persoas físicas; un 7% menos que no mesmo período do ano anterior.

E informou que "o 60% das execucións hipotecarias -este tamén é un dato importante, porque en moitas ocasións os problemas afloran con certo retardo; é algo parecido ao que aconteceu co caso das preferentes- son consecuencia da burbulla inmobiliaria, son consecuencia de hipotecas constituídas entre os anos 2005 e 2008. Segundo os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, as execucións hipotecarias diminuíron nun 17% no primeiro trimestre e máis da metade dos lanzamentos derivouse de procedementos regulados pola Lei de Arrendamentos Urbanos; é dicir, eran fundamentalmente inquilinos que non pagaban a renda. Ademais, segundo o Banco de España, a taxa de mora, que tamén é unha cuestión que temos que ter en consideración, no ámbito das hipotecas individuais está por debaixo do 6%, co cal hai unha realidade e é que o 94% dos españois, co seu esforzo de cada día e de cada mes, fai fronte con regularidade á súa cota hipotecaria. "


Dixo que grazas ao sistema hipotecario español, en España o 80% das vivendas son en propiedade. O que é unha porcentaxe moi superior ao da media da Unión Europea, que está entorno ao 65% e que tanto, houbo problemas e fallos, pero afirmou que sexamos conscientes de que o sistema hipotecario español permitiu que, moi por enriba da media comunitaria, 15 puntos por enriba, en España o 80% das vivendas sexan en propiedade"


Despois de facer unha reflexión sobre a crise económica e o estalido da burbulla inmobiliaria, recordou que o Goberno do PP se encontrou cos problemas dos desafiuzamentos e que inmediatamente tomou medidas para os colectivos máis vulnerables.

Sinalou que "practicamente 40.000 familias se beneficiaron das nosas políticas neste momento. O código de boas prácticas aprobouse practicamente aos tres meses de chegada deste Goberno e favoreceu 21.000 familias. Máis de 16.300 obtiveron unha reestruturación viable da súa débeda e máis de 4.500 levaron a cabo unha operación de dación en pagamento. O Fondo social de vivendas, constituíuse con 6.000 vivendas, cun aluguer social, moi reducido, de entre 150 e 400 euros ao mes e practicamente a metade, o 50% do fondo, foi xa adxudicado. Outra das medidas que tomou o Goberno foi a suspensión dos lanzamentos e, ata a data, case 16.000 familias puideron permanecer na súa vivenda e non se executou o lanzamento.

Dixo que recentemente "estendemos o Real Decreto-lei de segunda oportunidade, reforzando o código de boas prácticas. Flexibilizamos os criterios para ampliar os beneficiarios do código, incluíndo a maiores de sesenta anos; establecemos a non aplicación definitiva das cláusulas chan para esas familias incluídas neste colectivo; prorrogamos por dous anos a suspensión dos lanzamentos que comentei anteriormente e, ademais, ampliamos os beneficiarios do Fondo social de vivendas a familias con fillos menores, persoas dependentes ou con minusvalidez, persoas maiores prexubiladas ou xubiladas ou outras persoas ou familias con circunstancias de vulnerabilidade. Así mesmo, abrimos a posibilidade de que as persoas cuxa vivenda xa tivese sido adxudicada puidesen quedarse nela a través do pagamento dun aluguer reducido. "


Tamén se referiu De Guindos ás medidas adoptadas para que non volvan producirse os erros que deron lugar a esta situación. Dixo que "incrementamos notablemente a protección vía transparencia do cliente hipotecario, pero tamén limitamos os intereses de demora a tres veces o interese legal do diñeiro para evitar unha evolución exponencial destes. Así mesmo, perfeccionamos o réxime de venda extraxudicial de bens hipotecados e limitamos o valor da taxación para a poxa, que non poderá ser inferior ao 75% do seu valor no momento de escritura. Reforzamos a independencia entre taxadoras e bancos, que era un problema fundamental e, ademais, obrigamos a que na escritura se inclúa a firma do debedor hipotecario xunto cunha expresión manuscrita do seu puño e letra de que foi axeitadamente informado das cláusulas do préstamo para evitar abusos por falta de transparencia. Pero o máis importante, señoría, é que todas estas medidas son medidas sobrevidas en función dunhas circunstancias específicas de colectivos moi vulnerables.


Rematou dicindo, en función da análise da situación actual, en que a solución do problema será a recuperación económica e a recuperación do emprego; "nese sentido, o Goberno evitou o colapso da economía. Corriximos os principais desequilibrios macroeconómicos e por iso hoxe infórmolles, que no primeiro trimestre deste ano crecemos ao 0,9% -moito máis que os socios da zona euro-, se ben no segundo trimestre, esperamos -e creo que isto é unha boa noticia- que o crecemento sexa superior ao do primeiro trimestre deste ano. Con iso, no primeiro semestre deste ano, a economía española estará a crecer máis próxima ao 4% que ao 3,5%. "

Engadiu que "á súa vez, dende mediados de 2013 e ata este segundo trimestre, recuperamos xa practicamente 4,5 puntos de caída do PIB dos máis de 7 que dalgunha forma perderamos ata mediados do ano 2013 en comparación co que tiñamos antes do inicio da crise. A finais do ano próximo, se as cousas continúan segundo as proxeccións e en función da inercia da economía española, poderemos ter recuperado toda a renda perdida dende o inicio da crise. Respecto da creación de emprego, entre o pasado ano e o presente ano máis dun millón de postos de traballo van ser creados. "


Concluíu dicindo que, "a actuación do Goberno foi dobre: colectivos vulnerables, inmediatamente -case 40.000 familias beneficiáronse diso e máis continuarano facendo-; e en canto á modificación da situación do mercado da vivenda, o prezo da vivenda crece por primeira vez nun exercicio dende o inicio da crise e o número de hipotecas volve crecer, outórganse en condicións moito mellores que no pasado e a isto se une, ademais, unha redución substancial do euribor, que é a referencia das hipotecas e que permitiu aforros de preto de 6.500 millóns de euros anuais para as familias endebedadas vía hipoteca. Sen dúbida, señoría, o principal remedio é o crecemento económico e nese sentido as noticias que imos ter, tamén sen dúbida, van ser positivas".

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.