martes, 12 de mayo de 2015

Apoiando a reforma e rehabilitación da Praza de Abastos nº 1 de Ourense

Interveño hoxe na Comisión de Cultura do Congreso no debate dunha PNL do Grupo Parlamentario Socialista, relativa á rehabilitación e reforma da Praza de Abastos nº 1 de Ourense e que defendeu a deputada ourensana Laura Seara. Tiña ao meu carón a deputada Ana Belén Vázquez Blanco.

Comecei destacando a importancia de "poñer en valor" un edificio que forma parte do patrimonio arquitectónico, cultural e sentimental de todos os veciños da capital. Situada esta Praza de Abastos nº 1 no lugar onde naceu a cidade, ao pé das fontes termais de As burgas e que foi sempre o punto de encontro de xente vinda de toda a provincia

Resaltei que falamos dunha iniciativa de apoio á reforma e rehabilitación da Praza na que coinciden todos os grupos municipais representados no Concello de Ourense, comezado polo Partido Popular.

Afirmei que avalamos esta iniciativa de todos, e que procedía tela en conta.

Dixen que nesta lexislatura, en concreto o 15 de outubro de 2013, se procedeu á firma do VI Acordo de Colaboración entre o Ministerio de Fomento e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para a revisión do funcionamento do "Programa do 1% Cultural", ao poñerse de manifesto a necesidade de introducir medidas que faciliten a xestión das axudas, e que permitan introducir no procedemento de asignación de fondos, os necesarios principios de transparencia, publicidade e concorrencia.

Presenta dúas novidades importantes:

Por unha parte, a asignación do presuposto das novas obras públicas que, se incrementa do 1% ao 1,5%, para os obxectivos establecidos no artigo 68 da Lei de Patrimonio Histórico Español.

E por outra, que se introduce, por primeira vez, a convocatoria pública como instrumento para a selección e priorización de actuacións, de forma que, polo Ministerio de Fomento, se analizará a viabilidade técnica e económica das propostas de actuación e as devanditas actuacións serán valoradas pola Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Chan, co acordo da Dirección Xeral de Belas Artes e Bens Culturais e de Arquivos e Bibliotecas.

Recordei que as Bases Reguladoras da convocatoria se publicaron en outubro de 2014, regulando a concesión de axudas, que se rexerán polo principio de cofinanciamento co solicitante, e contén os requisitos que necesariamente deberán cumprir as solicitudes para poder optar ás axudas, así como a documentación a presentar polos solicitantes, os criterios de selección e valoración, e o procedemento de selección, outorgamento da subvención, compatibilidade entre subvencións e resolución.

Recordei tamén que publicada en novembro de 2014 a primeira convocatoria para a presentación de solicitudes mediante concorrencia competitiva ao Programa 1,5% Cultural, o Concello de Ourense o 10 de decembro de 2014 tivo entrada no Ministerio de Fomento unha solicitude presentada polo Concello de Ourense de Rehabilitación de la Plaza de Abastos n.º 1 de Ourense. Interesaba entón un cofinanciamento do 75% do proxecto que ascendía a 5.619.642,89 €. Logo o Concello de Ourense, modificou a súa petición, pasando do 75% ao 65% do custo global do proxecto pasando á pedir a Fomento 3.652,767 €.

Exposto o anterior, dixen que na actualidade a solicitude do Concello de Ourense, ademais doutros centenares formuladas dende diversos lugares de España, están a ser obxecto de estudo, análise e valoración por quen se determina nas bases reguladoras. E que polo tanto non se podía obviar esta circunstancia á hora de determinar o alcance da petición que hoxe aprobaría esta Comisión.

Aproveitei a intervención para destacar que o goberno do PP acreditou nesta lexislatura o seu apoio ao Concello de Ourense en tarefas de rehabilitación de Prazas de Abastos. É o caso da Praza de Abastos de A Ponte. Unhas obras que se iniciaron o 22 de febreiro de 2012 e que concluíron o 18 de decembro de 2014 e que foron sufragadas ao 100% con cargo ao Programa de Rehabilitación do Patrimonio Arquitectónico, do Ministerio de Fomento nunha cifra de 1.999.996,94 €.

Rematei a miña intervención celebrando que "hoxe poidamos reeditar aquí, na sede da soberanía popular, un consenso que se editou en primeira instancia no Concello de Ourense

E dixen que "por enriba de ideoloxías, cuestións partidarias, buscamos que esta Praza de Abastos de Ourense na que tantos comerciantes de forma abnegada defenden a súa actividade económica, que tantos usuarios gozan, e de cuxo edificio nos sentimos tan orgullosos, recibe o apoio para reformarse e rehabilitarse que merece e necesita”

Finalmente o consenso materializámolo na aprobación por unanimidade dos que integran a Comisión, deste texto:

"O Congreso dos Deputados insta ao Goberno a valorar a importante Reforma e rehabilitación da Praza de Abastos nº1 de Ourense, no marco da correspondente convocatoria e, en caso de selección, impulsar a súa rehabilitación con cargo ao 1,5% cultural”


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta