sábado, 9 de mayo de 2015

Aprobado o Proxecto de Lei do Sector Ferroviario

Onte o Consello de Ministros, a inciativa de Ana Pastor, aprobou o Proxecto de Lei do Sector Ferroviario, que agora se remitirá ás Cortes para proseguir coa tramitación parlamentaria, en concreto na Comisión de Fomento.

A nova Lei do Sector Ferroviario consolida o rigor na planificación e construción de novas infraestruturas e propicia a apertura da rede para potenciar o uso da alta velocidade mediante a mellora da calidade e o aumento da oferta.
Ademais, supón un novo marco xurídico completo aplicable ao sector ferroviario, consolida a reforma emprendida polo Executivo e, ademais, adapta a normativa á creación da Axencia de Seguridade Ferroviaria, reforzando todos os mecanismos relativos á seguridade.

O texto reforza os mecanismos para unha planificación rigorosa das infraestruturas ferroviarias, esixindo que existan as fontes de financiamento suficientes. Establécense 3 instrumentos:
. A "Estratexia Indicativa" a elaborar polo Ministerio de Fomento, como instrumento de planificación da infraestrutura (desenvolvemento, mantemento e renovación).

. Un "Programa de Actividade" a elaborar polos administradores de infraestruturas (Adif, Adif-AV), segundo a "estratexia indicativa" e que deberá recoller a previsión de actuacións a realizar e unha previsión orientativa dos seus canons para os próximos 5 anos.



. Un convenio ADIF/ADIF-AV-Ministerio de Fomento que estableza os obxectivos a alcanzar por ADIF e as achegas económicas do Estado.

Así mesmo, establece un novo sistema de canons co obxectivo de incrementar o uso da rede de ferrocarrís española. Entre outras novidades, destaca a supresión do canon anual de acceso á rede e a bonificación da posta en marcha de novos servizos ferroviarios.

Xunto a iso, inclúense novas medidas para mellorar a competitividade do transporte ferroviario de mercadorías como o establecemento de medidas liberizadoras dos servizos que se prestan nas terminais ferroviarias públicas, que supoñerán unha redución de custos; a imposición de novas condicións de transparencia para a actuación dos administradores de infraestruturas; a simplificación do réxime tarifario e das autorizacións necesarias; a eliminación do canon de acceso supón eliminar unha importante barreira á entrada; e o impulso do papel dos portos como administradores das infraestruturas ferroviarias dentro do seu dominio público.

En materia de transporte de viaxeiros impóñense aos operadores condicións para garantir un funcionamento transparente do mercado, como son a obriga de achegar ao Ministerio de Fomento información estatística e contable ou a obriga de levar contas separadas entre as actividades de mercadorías e viaxeiros, e dentro dos de viaxeiros, entre os servizos comerciais e os servizos declarados de obrigas de servizo público.

Ademais, establécese que as empresas deben contar cun plan de asistencia a vítimas e se recollen os dereitos das vítimas de accidentes.
Por outra parte, o texto inclúe un novo título específico dedicado a seguridade ferroviaria, que non existe na lei vixente e adáptase o seu contido á creación da nova Axencia de Seguridade Ferroviaria que será independente e non poderá encomendar funcións dos administradores de infraestruturas, empresas ferroviarias ou entidade adxudicadora, dotándoa de mecanismos propios de financiamento, co obxecto de reforzar a súa independencia.

Por último, formúlase un réxime sancionador máis proporcional, reforzando as sancións sobre dereitos dos pasaxeiros e aspectos relacionados coa seguridade.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta