Unha mensaxe para Albert Rivera: "Non é admisible que en España haxa uns cidadáns de primeira e outros de segunda"

Esta semana foi prolixa en declaracións públicas do líder do partido político “Ciudadanos”, Albert Rivera e do seu responsable económico Luis Garicano, cuestionando os investimentos en alta velocidade e plantexando a paralización dos que están en curso para dedicalos a innovación.

Barcelona Sants 8.1.2013
Declaracións que tiveron a súa debida réplica, empezando pola ministra de Fomento, Ana Pastor e que xeraron moito debate nos medios de comunicación. 

Entrando nesta polémica, lembro hoxe que o día 8 de xaneiro de 2013 viaxaba na miña condición de presidente da Comisión de Fomento do Congreso no tren que inauguraba a Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Barcelona-Fronteira francesa. No mesmo vagón, tamén viaxaban outros responsables políticos, entre eles, Albert Rivera, invitado na súa condición de líder de “Ciutadans”.

Tratábase de poñer en valor unha nova infraestructura ferroviaria, que supuso un investimento superior a 3.700 millóns de euros sen incluír os fondos destinados ás obras de adecuación e construción das estacións de Barcelona Sants, Girona e Figueres-Vilafant, e que completaba os 804 km de lonxitude total da Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Barcelona-Fronteira francesa.

Unha nova liña, que conectaba en alta velocidade as catro capitais de provincia catalás co centro e sur peninsular, convértendose así mesmo nun dos principais eixes de comunicación de España con Europa, á vez que se integra no denominado Corredor Ferroviario Mediterráneo, infraestructura cuxa construción impulsará o desenvolvemento de todo o litoral desde Cataluña ata Andalucía. Con esa nova infraestrutura a viaxe desde o centro de Barcelona ao centro de Girona pasaba de hora e media a 38 minutos.

Ese mismo día 8 de xaneiro de 2013, escribía eu no meu Blog: “Felicidades sinceiras aos  catalans xa que esta  liña servirá para gañar competitividade e eficiencia á economía en Cataluña e en toda España, mellorará as nosas relacións comerciais con Europa e ofrecerá mellores servizos de transporte aos nosos cidadáns” 

¿E que dixo Albert Rivera sobre esta inauguración? Eu non o escoitei en directo, pero o diario ABC acaba de publicar as súas valoracións nese dia: "infraestruturas como a AVE son o mellor xeito de vertebrar España e de combater o separatismo", dixo.

Figueres 8.1.2013 Vía dobre e electrificada
Contrastan estas rotundas afirmacións tan positivas, coas expresadas por el estes días no senso de "que investirá en alta velocidade só se é rendible porque non mellora a equidade" e cuestionando abertamente a continuidade dos investimentos das liñas en construción.

Conviría que o lider de Ciudadanos se aclarase e fose coherente no seu discurso e se é posible explicase como é posible ao seu xuizo, vertebrar España dende a desigualdade.

Albert Rivera vive en Barcelona e eu en Ourense, dúas magníficas cidades ainda que de diferente dimensión, e ambos os dous necesitamos viaxar a Madrid. 

Se quixésemos facelo en tren o próximo luns 13 de abril, sucedería o seguinte. Albert tería á súa disposición 28 servizos de alta velocidade que lle deixarían na capital do estado en tempos que van dende as 2h. 30 min. ás 3 h.10 min. Celso - ou sexa eu - tería dende Ourense - nodo ferroviario de repartición de Galicia - catro opcións. Un tren hotel que tarda 7 h. 27 min., e tres trens Alvia que tardan 5 h. 5 min.

¿Vértebra España esta enorme diferenza en número de servizos ferroviarios e tempos de viaxe entre Galicia e Cataluña?

Estou seguro que Albert Rivera, persoa á que recoñezo "seny" ou "sentidiño" como dicimos nostros, ten que convir que é unha diferenza inasumible e que debe corrixirse.

E o mesmo progreso que quero para Galicia, o desexo para os casteláns-leoneses, asturianos, cántabros, vascos, murcianos e estremeños. O mesmo que afortunadamente xa gozan cataláns, aragoneses, valencianos, casteláns manchegos, andaluces. 

Non podo admitir a existencia de cidadáns de primeira e de segunda;  uns que merecen ter boas infraestruturas e outros que deben conformarse con vías e servizos de menor calidade.

En Galicia, estamos a loitar dende hai décadas por ter un ferrocarril do século XXI e para que pedure durante lustros. As nosas actuais vias únicas dende Olmedo ata Ourense, son da primeira parte do século XX, sen electrificar, con trazados tortuosos, fortes pendentes, etc.

As nosas obras son complexas debido á difícil e ao mesmo tempo fermosa orografía que hai que superar, pero non máis custosas que outras xa executadas, por exemplo as da liña Madrid-Barcelona. 

Asegúrolle a Albert Rivera que cando se culminen totalmente as obras e operen os novos servizos ferroviarios de alta velocidade, terán unha ampla utilización polos cidadáns, que verán facilitada a súa movilidade ao reducir os tempos de viaxe, e achegarán elevados estándares de seguridade, calidade, confort, fiabilidade. e sostibilidade. A súa rendibilidade socioeconómica e medioambiental quedará fora de toda duda.

Como dicía a ministra Ana Pastor: “as infraestructuras non son un fin en si mesmas, son un medio para que un país progrese” e  as liñas de AVE son un medio claro para progresar.

Estamos a falar dun modo de viaxar novo e competitivo, capaz de reducir ata o 50% do tempo de viaxe que empregaría un automóbil en percorrer o mesmo traxecto.

Lubián: Vía única de acceso a Galicia, sen electrificar
Salientar que en 20 anos creamos en España unha das principais redes do mundo e unha industria e un know-how que está a permitir ás empresas que traballan no sector ferroviario competir nos proxectos que xorden no resto do mundo. 

Así, naqueles países nos que se planifica o desenvolvemento dun proxecto de alta velocidade España é un referente en innovación.

Además que como dicía a ministra, cada euro investido nunha conexión de alta velocidade xera máis de dous en termos de volume de negocio e de PIB, e cada emprego, 2,5 no total da zona.

Considero un obxectivo irrenunciable completar a rede de alta velocidade que se encontra en execución, co que nos próximos anos poderemos chegar a duplicar o número de viaxeiros neste modo de transporte, captando tráfico interurbano ao vehículo privado.

Por iso comparto o obxectivo da ministra Ana Pastor de poñer este ano en servizo 1.000 novos km, abrindo máis de 25 novas relacións que van permitir mellorar os tempos de viaxe entre media hora e unha hora e 50 minutos segundo os traxectos.

Remato con toda cordialidade, instando a Albert Rivera a que reflexione e logo rectifique apoiando a extensión da rede ferroviaria ao conxunto do Estado.

E lembremos que a cohesión territorial de España non admite que haxa uns cidadáns de primeira e outros de segunda.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.