Un Rexistro Civil electrónico, público e gratuíto

Estes últimos días vimos escoitando algunhas afirmacións relativas a que "o próximo mes de xullo o Rexistro Civil será privatizado e entregado ás mans dos Rexistradores da Propiedade e Mercantís".

Comezaré recordando que o cambio de modelo de Rexistro Civil no que se está a traballar se acordou xa na pasada lexislatura a través da Lei 20/2011, que contou co apoio de todos os grupos parlamentarios. Nesta Lei estableceuse un Rexistro civil electrónico e desxudicializado.

A este respecto quero confirmar o que xa avanzou o Ministro de Xustiza Rafael Catalá, no sentido de que o novo Rexistro Civil será "electrónico, público e gratuíto", e que "todos os trámites que ata agora eran gratuítos para o cidadán, o van seguir sendo".

Non supoñerá "ningunha privatización do servizo público", senón que a súa xestión se encomendará aos Rexistradores, que tamén son funcionarios públicos, e se manterá, en todo caso, a "gratuidade para o cidadán e a titularidade estatal dos datos rexistrais".

A reforma para a desxudicialización do Rexistro Civil persegue garantir que este ademais de accesible, sexa de calidade e adaptado á realidade dos nosos tempos.

Nese sentido, o ministro Catalá hoxe mesmo destacou que a partir da segunda metade deste ano tampouco será necesario facer cola no Rexistro Civil porque nin os nacementos nin as defuncións se notificarán xa en persoa. Será o persoal sanitario quen se encargará de facelo de forma telemática, o que permitirá un aforro superior aos 64 millóns de euros ao ano, ao eliminarse 850.000 trámites presenciais.

Detrás desta reforma está a constatación de que nos últimos o Rexistro Civil residenciado no ámbito xudicial non resolve de modo áxil as peticións e intereses que nel se tramitan.

Segundo os datos de 2013 do Consello Xeral do Poder Xudicial, os problemas do Rexistro Civil acumularon o 44% das queixas presentadas en 2012 contra a Administración de Xustiza, o que reflicte un alto grao de insatisfacción na percepción que deste servizo público teñen os cidadáns.

Polo tanto é necesario levar a cabo unha modernización do Rexistro Civil, e iso é o que vai facer o Goberno de Mariano Rajoy.

Ao ano expídense máis de tres millóns de certificados e copias dende o Rexistro Civil. A interoperabilidade entre Administracións que ofrecerá a nova plataforma electrónica servirá para que en torno ao 85% destas certificacións sexan innecesarias, de forma que os cidadáns non terán que achegarse fisicamente ao Rexistro para realizar os seus trámites.

Por último, sinalar que o cambio de xestión do Rexistro Civil non levará consigo ningunha redución de emprego público.

 Está previsto que os xuíces, secretarios xudiciais e funcionarios que actualmente se dedican en exclusiva ou de forma compartida a prestar este servizo pasarán a realizar a súa actividade no ámbito da función xurisdicional, reforzando así a Administración de Xustiza, e o Ministerio se comprometerá a manter o emprego dos funcionarios e interinos adscritos ao territorio que é da súa competencia. Estes funcionarios serán reasignados a outros centros de traballo.

En definitiva, o Ministerio de Xustiza está a desenvolver todos os aspectos xurídicos, técnicos e organizativos para a implantación con plenas garantías do novo rexistro civil electrónico, un dos proxectos esenciais para a reforma da Administración.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.