Rajoy: "O obxectivo fundamental desta lexislatura foi a loita contra o desemprego"

Da sesión de control do día de hoxe no Pleno do Congreso cabe destacar a pregunta do líder do Partido Socialista, Pedro Sánchez ao presidente do Goberno, sobre que "opinión lle merece a desigualdade no mercado de traballo en España".


Mariano Rajoy respondeu: "A desigualdade principal no mercado de traballo é a que hai entre os que poden traballar e os que non poden traballar, por iso o obxectivo fundamental desta lexislatura foi a loita contra o desemprego. Voulle dar unha noticia, que é importante e da que vostede seguro que se alegra: o ano pasado, 2014, por primeira vez dende 2006, en España aumentou o emprego e diminuíu o paro.


 Prodúcese así un punto de inflexión, 440.000 españois encontraron un posto de traballo. É absolutamente insuficiente, pero xa empezamos a camiñar na mesma dirección. Os datos de principios deste ano 2015 son positivos. A finais de marzo coñecemos que, comparando co mes de marzo do ano pasado, 536.000 españois puideran afiliarse á Seguridade Social e, polo tanto, traballar. As previsións deste ano 2015 son boas. Imos crecer. O noso país é o que máis vai crecer de Europa, o 2,9%, e a nosa previsión é que se creen máis de 500.000 postos de traballo. Repito, non hai nada peor para a igualdade que aquela diferenza entre os que poden por fortuna traballar e os que desgraciadamente non poden facelo. Foi o grande obxectivo desta lexislatura, empézanse a producir resultados e iso anímanos a continuar traballando na mesma dirección"

Replicou Sánchez criticando a reforma laboral alegando que "o que fai é condenar millóns de españois á precariedade laboral".


Pechou o debate o presidente afirmando que "non acepto que vostede me dea leccións en materia de mercado de traballo"


E engadiu Rajoy que: "Entre os anos 2008 e 2011 en España vostedes destruíron 3.345.000 postos de traballos. Vostedes non están en condicións de darlle ningunha lección a ninguén. Cando nós chegamos ao Goberno a final do ano 2011 o paro aumentaba o 9,6% ao ano; hoxe o paro está a diminuír o 7,2% ao ano. Eu non lles digo que se castiguen vostedes inmisericordemente dicindo o mal que o fixeron no seu día, pero polo menos podían recoñecer que o labor deste Goberno deu lugar a que por primeira vez en moitos anos se estea a crear emprego no noso país e que este ano se vaian crear máis de 500.000 empregos en España. Non sei se a vostedes lles desgusta, pero son os feitos.


Señor Sánchez, se le a última EPA publicada, haberá visto que o que se está a crear en España é emprego indefinido e emprego a tempo completo; vexa a EPA. A temporalidade hoxe en España é do 23,6% -cando vostedes gobernaban era o do 29%- e o emprego a tempo parcial é o 16,3%. Hai datos moi importantes, como que se empeza a corrixir -aínda queda moito- o emprego xuvenil ou o número de fogares con todas as súas persoas no paro. Imos traballando ben, imos na boa dirección, estamos a crear emprego e a partir de aí o que temos que facer é perseverar"


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.