De especial importancia cabe calificar a presentación onte en Santiago de Compostela do Programa operativo Feder
Galicia 2014-2020.
Un acto no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que
Galicia destinará a gran maioría dos 883 millóns dos Fondos Feder para afrontar
os retos dun novo modelo económico cara a un crecemento intelixente, con máis
innovación; un crecemento sustentable, con máis respecto ao medio ambiente e ao
valor dos recursos naturais; e un crecemento integrador, que garanta as mesmas
oportunidades educativas, sanitarias e sociais a todos os cidadáns.
Feijóo tamén lembrou que a Comunidade galega non é a mesma que
cando entrou na Unión Europea. “E se hai unhas décadas o noso principal reto
era superar o illamento de España e de Europa; hoxe, temos outras necesidades,
outros obxectivos e outras posibilidades e o noso gran desafío é mellorar a
nosa competitividade”, abundou.
Nesta liña, incidiu en que a este obxectivo irán destinados a
maioría dos fondos Feder; “practicamente, sete de cada dez euros se repartirán
entre os catro eixos que sosteñen a nosa aposta económica, na que vimos
traballando dentro do noso Plan Estratéxico e que concentran tamén a Estratexia
de Especialización Intelixente 2014-2020”, aseverou.
Máis polo miúdo precisou que 142 millóns de euros destinaranse
ao impulso da I+D+i e ao desenvolvemento tecnolóxico, co principal obxectivo de
incrementar en seis puntos o gasto das empresas en innovación, pasando do 46%
ao 53%. E, arredor de 140 millóns terán como obxectivo potenciar e mellorar a
calidade das tecnoloxías da comunicación, completando o proceso de
modernización da Administración e dos servizos públicos e o coñecemento dixital
dos galegos.
Para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas
destinaranse 143 millóns, contribuíndo sobre todo a aumentar o tamaño das que
xa existen, pero tamén a crear outras novas; e outros 153 millóns terán como
obxectivo insistir na consolidación dunha economía respectuosa co medio
ambiente, cunha aposta aínda maior polo uso das renovables, polo fomento da mobilidade
sostible, ou pola redución de emisións de gases efecto invernadoiro en oito
puntos.
Durante a súa intervención, Feijóo subliñou tamén que o
investimento restante -un pouco máis do 30%- terá como destino completar
algunhas das tarefas iniciadas no período anterior como é o saneamento das rías
e o fomento do sector turístico.
O titular do Goberno galego aseverou que a concentración
temática é unha das dúas principais fortalezas do programa presentado hoxe:
“Temos claras prioridades e fixamos métodos e instrumentos para conseguilos.
Este programa non é improvisado senón que responde ás necesidades do presente e
márcase retos de futuro para facilitar o camiño, en lugar de comprometer, ás
próximas xeracións”, explicou.
Durante a súa intervención, destacou, tamén, que Galicia é unha das primeiras
comunidades en ter aprobado este programa: “Grazas a o esforzo conxunto de toda
a Administración galega, así como doutros organismos e entidades económicas e
sociais que participaron na súa elaboración. E, grazas a unha convicción tamén
compartida por todos os que, dunha ou outra forma, participamos na elaboración
deste programa. Refírome á idea de que os fondos contribúan a unha aposta que
fixemos como país, baseada nun novo modelo económico”.
Nun acto no que tamén participaron a directora de Crecemento
Intelixente e Sostible e Sur de Europa da Dirección Xeral de Política Rexional
e Urbana da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, e a secretaria de Estado de
Presupostos e Gastos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Marta
Fenández Currás, Feijóo afirmou que Galicia renova hoxe a súa confianza no
proxecto común europeo. “Podería dicirse entón que, xunto ao autogoberno do que
nos dotou a democracia, ser partícipes activos nos distintos programas de
Europa é o outro gran piar que explica o noso desenvolvemento nas últimas
décadas”, dixo.
Feijóo lembrou que hoxe Galicia conta cunha rede de seguridade que lle permite
acceder a unha axuda transitoria para prolongar no tempo o efecto conseguido
ata o momento cos fondos estruturais; e manter unhas taxas de cofinanciamento
do 80%. “Máis de 4.000 millóns garantidos ata 2020, dos que máis de 2.500 serán
xestionados pola Comunidade de forma directa, entre fondos estruturais (Feder e
Fondo Social Europeo), fondos agrícolas (Feader) e fondos pesqueiros (Femp)”,
afirmou.
Sobre este punto,
o presidente da Xunta fixo fincapé en que estes fondos son unha garantía “para
continuar co esforzo investidor que nos permita consolidar o proceso de
converxencia coa media comunitaria; e, afrontar con maior compromiso un desafío
fundamental para todo o continente, e vital en Galicia, como é a corrección da
situación demográfica”.
“Para este dobre propósito os fondos europeos son
unha garantía, pero tamén son unha responsabilidade que asumimos con
determinación”, concluíu, reiterando o compromiso de Galicia de contribuír á
cohesión de Europa: “Galicia fíxoo, estao a facer e farao”.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta