Posta en servizo dos res primeiros tramos de autovía A-54

Destacar tamén neste Blog a apertura onte por parte do Ministerio de Fomento dos tres primeiros tramos de autovía A-54 entre Nadela e Guntín, na provincia de Lugo.
A autovía A-54 de Lugo a Santiago é un eixo fundamental para a articulación da Galicia interior e as súas conexións coa Autovía do Noroeste (A-6). Os tres tramos que onte se puxeron en servizo: Nadela - Vilamoure, Vilamoure-Monte de Meda e Monte de Meda - Guntín son os primeiros 23 km da citada autovía na provincia de Lugo.
O novo trazado supoñerá para os 10.000 vehículos que de media circulaban diariamente pola estrada N-540 entre Lugo e Guntín unha importante mellora na comodidade, un aforro de tempo estimado en dez minutos e unha mellora da seguridade vial. 
Ademais, permitirá evitar a travesía de Guntín, tanto aos vehículos procedentes de Santiago (N-547) coma de Ourense (N-540), utilizando as novas glorietas de Guntín Oeste (N-547) e Guntín Este (N-540).
As obras do tramo Vilamoure - Monte de Medo contan con cofinanciamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O investimento total dos citados tramos foi de 177 M€, dos cales 139 M€ corresponden ao presuposto das obras, 31 M€ ás expropiacións (expropiáronse 1.933 terreos) e 7 M€ ás asistencias técnicas de redacción de proxectos e de control e vixilancia.

Ao citado acto asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño.
Alberto Núñez Feijóo, afirmou que esta nova infraestrutura conectará Lugo co Eixo Atlántico e co centro de Galicia cara a consecución dun territorio unido e vertebrado.
Logo de incidir en que a estas necesidades responde a autovía que hoxe abre ao tráfico máis de 20 quilómetros entre Lugo e Guntín, aos que neste mesmo ano, se unirán os preto de 15 que prolongan esta vía ata Palas de Rei, Feijóo agradeceu o compromiso do Goberno central con esta vía que a finais de ano estará en execución na súa totalidade. “Estamos a falar dun investimento de 170 millóns de euros e do compromiso de que neste 2015 estará en execución na súa totalidade, polo que esta infraestrutura xa non ten volta atrás” abundou.
Feijóo afirmou que avanzar nesta infraestrutura non é só proporcionar máis seguridade, máis permeabilidade e mellores condicións para a circulación. É tamén poñer en contacto directo Lugo co conxunto do Eixo Atlántico así como co resto de vilas e cidades cara ás que Compostela exerce de gran distribuidor de tráfico.


Salientar finalmente que tamén resulta esta posta en servizo, unha boa nova para Ourense, xa que Guntín é xustamente o punto de conexión coa futura  autovía A-56.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.