lunes, 16 de marzo de 2015

Iniciado o camiño da nova titulación de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense

Hoxe acompaño ao candidato do PP á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, a unha reunión informativa co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, nas dependencias da Vicerreitoría. Nela falouse do Campus da Auga, da residencia universitaria, da oferta cultural e deportiva, e das problemáticas ás que se enfronta o campus ourensán e os plans de futuro.

O candidato popular propuxo ao reitor artellar un proxecto conxunto de futuro co Campus da Auga como eixo central, para acadar non só “a visibilización da Universidade de Vigo senón tamén de Ourense como cidade internacional”. Para Vázquez centrarse neste proxecto de investigación, desenvolvemento e innovación destinado á transferencia de tecnoloxía a partir dun recurso tan específico como a auga é unha oportunidade única para “a posible captación de talento e de investimentos” para ambas institucións e valorou o encontro como “moi positivo de cara a unha maior cooperación que procure beneficios para o campus de Ourense ademais de para a cidade”.

Jesús Vázquez, vencellado persoal e profesionalmente a este Campus expresou o seu compromiso coa Universidade de Vigo e a vontade de traballar de maneira conxunta para poder ofrecer unha oferta máis atractiva que capte non só participantes, senón tamén alumnos de máis aló do que é a nosa propia provincia ou a nosa propia comunidade.


Nesa visita coñecimos a boa nova de que Consello de Campus aprobou este luns por unha ampla maioría “iniciar o camiño” para poñer en marcha o grao en Enxeñaría Aeroespacial en Ourense. Despois de deixar un período de reflexión para que os representantes deste órgano de goberno o consultasen cos distintos centros e colectivos, nunha sesión extraordinaria deuse o visto e prace á implantación desta nova titulación cun total de 12 votos a favor, cinco abstencións e ningún en contra. 

A Universidade de Vigo pon enriba da mesa esta nova titulación para Ourense polo “déficit claro no ámbito tecnolóxico que hai no campus” e porque se trataba dun grao inexistente dentro do Sistema Universitario de Galicia que “completa a oferta” e dá resposta a unha demanda cidadá. “É unha enxeñaría singular que nace para dar apoio a un sector incipiente na comunidade polo que se vai a apostar a través da especialización intelixente en investigación proposta para Galicia e que servirá para, a través da investigación, fortalecer as capacidades empresariais dun sector en auxe”, salientou o reitor.

Nun mercado que creceu nun 300% nos últimos oito anos e cunha evolución de emprego positiva, esta enxeñaría baseada en tecnoloxías de altas prestacións precisa en Galicia “dunha pata académica sobre a que se alimente o futuro profesional do sector”. E o campus ourensán perfílase como o lugar idóneo para este punto de apoio fundamental, xa que o actual pulmón do sector aeroespacial en Galicia está situado no sur da comunidade, pero coa maior parte da súa actividade en Ourense. “Aquí xa temos activos para desenvolver parte da investigación básica e para impartir parte das materias da titulación pola extinta titulación de Físicas, xa que a física é un piar moi importante dentro da enxeñaría aeroespacial en cuestións relacionadas con procesos de fabricación, novos materiais...”, recoñeceu Mato.

Precisamente grazas a todos os activos cos que xa conta a Universidade de Vigo, o grao en Enxeñaría Aeroespacial podería comezar a impartirse nos laboratorios da Facultade de Ciencias e en instalacións do Parque Tecnolóxico de Ourense, aínda que a medio ou longo prazo esixiría a creación dun centro propio.

 En caso de implantarse, a de Vigo sería a primeira universidade galega en dispoñer dunha titulación que só se imparte en 10 centros de toda España.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta