Rajoy no Debate sobre o estado da Nación

Dende o meu escano, escoitei esta mañá a intervención no Debate sobre o estado da Nación, do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.


Sen dúbida unha das mensaxes máis destacadas foi trazar como próximo obxectivo "alcanzable, se non cometemos torpezas", o de crear "tres millóns de empregos netos".

Asegurou que non solicitar o rescate foi "a gran medida de política social" desta lexislatura e anuncio medidas para impulsar a Axenda Social do Executivo e consolidar o crecemento económico ao 3%, o investimento en bens de equipo incrementarase por enriba do 7%, a balanza de pagamentos por conta corrente rexistrará superávit e a capacidade de financiamento da economía española ao resto do mundo superará o 1% do PIB.

Segundo explico o presidente, "a lexislatura non está esgotada", polo que a axenda reformista continúa. Neste sentido, anunciou unha rebaixa das cotizacións á Seguridade Social para os novos contratos indefinidos, que se beneficiarán dun mínimo exento de cotización de 500 euros. Aclarou que esta redución non terá "ningún impacto na xeración de dereitos de prestacións para o traballador". O obxectivo, engadiu, é favorecer a reinserción laboral dos colectivos con maiores dificultades.

Falou de medidas para os traballadores autónomos: terán unha bonificación, durante un ano, do 100% da cotización á Seguridade Social cando necesiten reducir a súa xornada laboral polo coidado de fillos menores de sete anos ou de persoas maiores en situación de dependencia. Con iso, específicou Rajoy, o Executivo pretende seguir aproximando os dereitos dos autónomos aos dos traballadores por conta allea.

Mariano Rajoy aludiu especialmente ás clases medias, por "o seu esforzo e a súa solidariedade" durante estes anos de crise. Na súa opinión, "España débelles moito" e "agora chega o momento de empezar a aliviar a súa situación".

Neste sentido, o presidente citou unha serie de medidas para avanzar na Axenda Social do Goberno. Entre elas destacan o Plan Integral de Apoio á Familia, o Marco de Actuación das persoas maiores ou o Plan Especial para a Igualdade entre homes e mulleres no ámbito laboral. Así mesmo, ampliaranse as axudas fiscais ás familias numerosas e os chamados "cheques familiares" de 1.200 euros ao ano que se estenderán ás familias monoparentais con dous fillos. Un millón de persoas poderían beneficiarse destas novas medidas.

Por outro lado, Rajoy informou que "este Goberno vai promover reformas para facilitar a segunda oportunidade de todos os cidadáns" e aliviar así o endebedamento das familias, dos autónomos e das pemes. A partir de agora, dixo, "as familias van poder lograr unha reestruturación das súas débedas mediante un acordo extraxudicial de pagamentos". Articularase un procedemento simplificado grazas ao cal se poderán acordar quitas, aprazamentos e outras formas de redución da débeda. Ademais, na Lei Concursal, as "persoas naturais" poderán liberar as débedas que queden impagadas tras executar as garantías e os seus bens.

Segundo explicou o presidente, tamén se revisarán os prazos de prescrición das reclamacións da débeda, que se reducirán a cinco anos no caso xeral, reformarase o Código de Boas Prácticas Bancarias e incluirase unha disposición para que os colectivos vulnerables poidan beneficiarse dunha inaplicación definitiva das cláusulas solo.

No seu discurso, Mariano Rajoy tamén abordou o ámbito das Administracións Públicas. Neste sentido, sinalou que se definirá un novo marco xurídico para unha Administración totalmente electrónica, interconectada, transparente e cunha estrutura clara e simple. Todo isto beneficiará aos cidadáns, ás empresas e tamén ás propias Administracións.

Así mesmo, o presidente expresou a súa intención de avanzar na axilización da Xustiza. Sobre este punto, adiantou unha reforma da Lei de Axuizamento Criminal (para evitar que as macrocausas xudiciais se prolonguen no tempo), unha revisión do sistema de taxas xudiciais e unha modificación da Lei de Axuizamento Civil.

Rajoy tamén anunciou medidas para intensificar o control da fraude, tanto na Facenda Pública coma na Seguridade Social. Para iso, dixo, reformarase a Lei Xeral Tributaria e a Lei Ordenadora del Sistema de Inspección de Trabajo, Seguridade Social e Saúde Laboral.

Lembrou que en 2014, xeráronse 400.000 empregos e, "cos datos de xaneiro de 2015, xa podemos dicir que hai 74.000 parados rexistrados menos que no primeiro mes da lexislatura".

Polo tanto, engadiu o presidente, tres anos despois, España é "unha nación que saíu do pesadelo, rescatouse a si mesma, recuperou a confianza económica, goza de prestixio, volve ser atractiva para os investidores, reordenou o seu funcionamento, ve crecer o consumo". É dicir, "España paso de ser un país ao bordo da quebra a converterse no exemplo de recuperación". Rajoy afirmou que "o mérito corresponde a España e aos españois".

O presidente do Goberno destacou que estes obxectivos se conseguiron mantendo o Estado do benestar, "sen esgazaduras sociais" e sen afondar nas desigualdades. E, o que é máis importante, apuntou, sen pedir o rescate. "Esta foi a gran decisión da lexislatura, a gran medida de política social", explicou, porque "o rescate é implacable, non considera a idade nin a condición social nin a fortaleza ou debilidade de cada familia".

Non obstante, Rajoy advirtiu que "todo o que gañamos en tres anos se pode perder nuns poucos meses". Agregou que non debemos consentir que se desmantele o que construímos", senón que temos que apostar por "completar a tarefa e consolidar a saída da crise". Na súa opinión, a creación de emprego é o que garante o Estado do benestar.


Tamén recordou que se puxeron en marcha mecanismos extraordinarios de apoio ás Administracións Públicas, como a liña ICO, o Plan de Pagamento a Provedores ou o Fondo de Liquidez Autonómica. "Máis do 70% deses fondos destináronse a gasto social", sinalou. Neste sentido, Rajoy anunciou, para o ano 2015, novos instrumentos de financiamento.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.