martes, 24 de febrero de 2015

Entrevista no programa "Galicia por Diante" da Radio Galega

Interveño hoxe pola mañá no programa "Galicia por Diante" da Radio Galega para facer unha valoración previa sobre o Debate de política xeral sobre o estado da Nación que comeza ás 12,00 horas. Fun entrevistado vía telefónica polo periodista Kiko Novoa.
Dixen que o Presidente do Goberno presentará ante deputados e a opinión pública española os cambios producidos na situación do país, como consecuencia do programa reformista desenvolvido polo Goberno, así como as actuacións previstas neste mesmo marco ata o final da Lexislatura.
E que recordará que a situación nestes momentos é moi distinta á herdada do goberno socialista, pués o noso país pasou de estar no foco da incerteza e recibir as peores perspectivas, a encabezar o crecemento e a creación de emprego entre as grandes economías da Zona Euro.

Recordei que no ano 2014, o crecemento interanual se situou no 1,4%, que a actividade económica recuperou o pulso e con ela a capacidade de crear emprego. Así o mercado laboral iniciou a súa recuperación en 2014 coa creación de máis de 400.000 postos de traballo e hai confianza na posibilidade de creación dun millón de empregos nos dous últimos anos de Lexislatura.
Dixen que Rajoy seguirá insistindo en que a prioridade do Goberno seguirá sendo poñer en marcha medidas que contribúan á empregabilidade, a inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos e a calidade do emprego en xeral, co fin de lograr o obxectivo esencial que é trasladar a recuperación, con maior intensidade, ao conxunto dos españois. E que afondará no desenvolvemento dunha axenda social dirixida a atender as situacións de especial vulnerabilidade das familias, a infancia ou as persoas maiores, ademais de impulsar a igualdade de oportunidades como signo propio dunha sociedade moderna e próspera.

Tamén aludín a que Rajoy no conxunto do debate, se referirá seguro a Galicia para acreditar o apoio prestado aos seus sectores produtivos como o automóbil, o naval, o téxtil, a pesca, etc. E citará as importantes actuacións en investimentos que o Estado fixo en Galicia nesta lexislatura, que en conxunto ascenderán a 6.288 millóns de euros.



Aludirá previsiblemente a que neste ano 2015 imos poñer en servizo 42,3 km novos de autovía A-54 (Santiago-Lugo), procederase en poucos días á de colocación da primeira pedra para a ampliación da capacidade da autoestrada AP-9 na Circunvalación de Santiago. Que, a finais de marzo finalizaremos a terceira Rolda da Coruña, entre outras actuacións.

E sen dúbida falará da AVE a Galicia, que nesta lexislatura terá consignacións de máis de tres mil millóns de euros e que se traballa co obxectivo de finalizar as obras en 2018. E que no horizonte de 2015 coa chegada da AVE a Zamora se conseguirán xa aforros de tempo de 30 minutos nas conexións Madrid-Galicia. 


Sen esquecer que no Eixo Atlántico se traballa co obxectivo de finalizar en 2015, co que o tempo de viaxe entre Santiago e Vigo será de 45 minutos e entre A Coruña e Vigo de 1 h e 10 minutos, o que representará uns aforros de 36 e 47 min respectivamente en relación aos mellores tempos actuais.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta