domingo, 25 de enero de 2015

Feijoo na Convención: " Baixo o amparo da Constitución potenciouse a pluralidade dos diferentes territorios.

A ultima hora de onte escoitamos na Convención, a intervención do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, dentro do foro de traballo acerca da vixencia da Constitución xunto ao ministro de Xustiza, Rafael Catalá, e ao portavoz popular no Congreso, Rafael Hernando, e na que puxo en valor que a Constitución é “a gran catedral política”, obra de todos os cidadáns, e “defendémola con orgullo” xa que é o conxunto dos “aportes e renuncias de todos os españois” en pro do consenso. 

Neste senso, fixo fincapé en que a Carta Magna permitiu “unha das etapas de maior xustiza, liberdade e dereitos dos últimos 40 anos”.

Segundo Feijoo, “os constituíntes sinaláronnos o camiño”, un camiño que prioriza a convivencia e concordia. Nese camiño, como destacou, déronse a man persoas de diferentes ideoloxías, como Santiago Carrillo e don Manuel Fraga ou Felipe González e Adolfo Suárez. 

Con respecto a isto, o presidente puxo de manifesto que “non é fácil facer grandes cousas na vida” e a Constitución “é unha gran cousa que fixemos nos últimos anos”. Neste punto, indicou que “conservar as cousas importantes require de todo o noso esforzo, pero merece a pena”. 

Neste senso, destacou o gran capítulo que está a protagonizar España, mantendo os dereitos da Constitución mentres loita por saír do peor buraco experimentou un goberno desde que se aprobou a Carta Magna. Con respecto a isto, puxo en valor que os españois pecharon séculos de enfrontamentos, conseguiron estar entre os primeiros países da Unión Europea, cunha das moedas máis fortes do mundo, e lograron evitar o rescate.

Por iso, para o presidente do PPdeG, a Constitución representa “a historia da superación” que se veu escribindo desde 1978. 

Ante a abondosa audiencia que se congregou na Praza da Constitución da Convención, Feijóo lembrou que grazas á Carta Magna Galicia puido transformarse e incluso protexerse das medidas propias de malos gobernos de España.

Ademais contrapuxo o curtopracismo do que fan gala partidos como o PSOE ou Podemos, que xera problemas como o desafío independentista catalán, coa estabilidade que aporta a Constitución.

Galegos na Convención
Por outra banda, lembrou que cando dentro dun tempo se estude o inicio da crise, ninguén dubidará en sinalar a súa negación reiterada durante anos por parte do Goberno socialista como unha das causas que a agravaron. 

Do mesmo xeito, cando se analice o desafío independentista, tamén se sinalará a debilidade do PSC no malogrado tripartito e a debilidade do PSOE, que deixou comezar aquela aventura do Estatut.  

Neste senso, Feijóo fixo fincapé en que dicir que a Constitución frustra as ansias do pobo catalán é unha falacia coa que se quere seguir alimentando ese fantasma de que o inimigo é España. De feito, baixo o seu amparo, potenciouse a pluralidade dos diferentes territorios.

Por outra banda, fixo fincapé en que o PP naceu coa Constitución e apuntou que a súa forma de entender a política é defender os dereitos e liberdades.

Así mesmo, lembrou a figura do fundador da formación e un dos pais da Constitución, don Manuel Fraga, e amosouse seguro de que se estivese vivo e acudise á Convención, estaría “máis orgulloso que nunca deste partido.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta