miércoles, 10 de diciembre de 2014

O problema da tributación do IRPF dos emigrantes retornados


Hoxe no Pleno do Congreso, a ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, respondeu a unha pregunta da deputada Laura Seara, do Grupo Socialista, sobre o tratamento que dá o Goberno aos emigrantes retornados.

A ministra dixo que "os emigrantes retornados españois teñen o compromiso, o afecto e toda a atención deste Goberno. Ademais, teñen o mellor que poden ter: a seguridade de que a Constitución española no seu artigo 42 os defende e tamén o Estatuto da cidadanía española no exterior"
Replicando á deputada, Bañez dixo que " o que lle sobra a este Goberno e o que practica cada día é responsabilidade e compromiso cos emigrantes retornados. Tanto que, como existía unha lei do IRPF inxusta e discriminatoria que fixo o Goberno socialista en 2006 e que lles castigaba nas súas rendas ao retorno, este Goberno e esta ministra o que fixeron foi cambiar a lei e condonar todas esas inxustizas en forma de beneficios para os emigrantes retornados. Si, señora deputada, 33.000 emigrantes, grazas ao cambio dunha lei socialista que fixo o ministro de Facenda, poden hoxe dicir que hai un Goberno que se ocupa deles, aínda que houbo un Goberno socialista que lles prexudicou. É unha condonación de todas as recargas, intereses e sancións, que serán devoltos, fose firme ou non a sentenza. Así pois, tranquilidade, responsabilidade e compromiso total do Ministerio de Facenda e do Goberno de España. Medidas a favor dos emigrantes retornados? Todas as que poidamos poñer en marcha sempre, porque son o mellor de España, o mellor da marca España no exterior."
E engadiu que "puxemos en marcha medidas para favorecer as prestacións contributivas en forma de pensión no noso país; medidas que outorguen pensións asistenciais de ancianidade cando non teñen dereito a unha prestación non asistencial. Por exemplo, 555 españois retornados beneficiáronse en 2013 e máis de 500 no que levamos de 2014. Concedemos axudas extraordinarias ao retorno, das que se beneficiaron 1.700 persoas e subvencións para que os mozos volvan, o ano pasado 2 millóns e máis de 4,5 millóns este, para que retornen a España ou poidan montar proxectos emprendedores volvendo ao noso país. Este país quere que o talento fuxido pola emigración e pola crise volva a España canto antes"

Unha vez máis os deputados galegos do PP no Congreso lamentamos que haxa grupos políticos intentando utilizar de forma partidista a situación dos emigrantes retornados en relación ao tema da regularización das súas pensións, cando saben perfectamente que a partir do 1 de xaneiro do 2015 entra en vigor unha regularización aprobada especificamente para solucionar a súa situación da forma máis vantaxosa posible, xa que os que se acollan a ela non pagarán sancións, nin recargas nin intereses de demora e seralles devolto todo o que pagasen.

Recordo que o Goberno foi moi sensible ao problema das pensións dos emigrantes, en concreto por medio da lei de reforma da Lei 35/2006, do 28 de novembro de modificación da lei de IRPF, pola que se habilita un mecanismo de regularización extraordinaria por parte dos contribuíntes afectados cun prazo improrrogable de seis meses a partir do próximo día 1 de xaneiro. Así o Goberno devolverá 20 millóns de euros aos que se lles cobraron sancións ou intereses, tal como confirmou no propio Pleno do Congreso o pasado 17 de setembro o ministro Montoro en relación a este tema.

Insistir en que a postura da Xunta de Galicia e do presidente Feijóo neste tema foi de máxima defensa do colectivo ante o Executivo e, neste sentido, mencionar que foi o propio presidente o que se dirixiu á Axencia Tributaria para que cesase na comunicación dos procedementos abertos aos emigrantes toda vez que a partir do día 1 pode regularizar a súa situación.

Os deputados galegos do PP compartimos que os emigrantes retornados afectados por non tributar nos seus países de destino nin en España non son defraudadores, senón persoas mal informadas, polo que consideramos que hai que facilitalos ao máximo a forma de saldar a súa débeda con Facenda, pero tampouco sería xusto para os pensionistas que xeraron as súas pensións en España que cotizaron por todo o recibido con moito esforzo, mentres que outros non pagasen.