jueves, 11 de diciembre de 2014

Funcas prevé que o PIB medre en 2015 ata o 2,4 %

Hoxe coñecemos que a Fundación das Caixas de Aforros (Funcas) revisou á alza as súas previsións económicas para este exercicio e o próximo. Así o PIB crecerá un 1,4% en 2014, unha décima porcentual máis que na súa anterior estimación, e un 2,4% en 2015, dúas décimas porcentuais máis.

A revisión á alza, segundo FUNCAS obedece a varios factores que, aínda que transitorios, poden ter un efecto dilatado no tempo. Por un lado, os tipos de interese situaranse en niveis máis baixos do esperado, grazas ás novas medidas de estímulo do Banco Central Europeo.

Ademais, a forte caída do prezo do petróleo supoñerá, dende o lado da demanda, unha ganancia de renda dispoñible para os consumidores e, dende o lado da oferta, unha redución dos custos de produción. Tamén contribuirá ao impulso do PIB en 2015 a rebaixa do IRPF e, en menor medida, a depreciación do euro fronte ao dólar.

Alerta malia todo, que estas previsións tamén están suxeitas a riscos á baixos, como o potencial efecto desestabilizador da retirada dos estímulos monetarios en Estados Unidos ou a debilidade da zona euro. No ámbito interno, as incertezas sobre a estabilidade política poden conducir a unha perda de confianza nas expectativas e solvencia de España.

A revisión á alza das estimacións para 2015 afecta aos seus principais compoñentes. O consumo privado crecerá un 3% fronte ao 2,3% en 2014. O investimento en bens de equipo aumentará un 6,9%, algo menos que este ano, debido ao prolongado período de crecemento que se iniciou no primeiro trimestre de 2013. Destaca, sobre todo, o investimento en construción que crecerá en termos anuais un 1,8%, por primeira vez despois de 7 anos de axuste.

Polo que se refire ao sector exterior, FUNCAS considera que as exportacións intensificarán o seu crecemento mentres que as importacións se moderarán, debido a que os elementos que máis peso van ter no impulso da demanda nacional consumo de bens non duradeiros e investimento en construción teñen un menor compoñente de importación.

O emprego tamén mellorará máis do previsto, un 0,9% en 2014 e un 2% en 2015, o que se traducirá na creación de 140.000 e 330.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo, respectivamente. A taxa de paro situarase en media anual no 22,5% o próximo ano fronte ao 24,4% deste exercicio, unha redución que se deberá máis á creación de emprego que á diminución da poboación activa.

En canto ao déficit público, FUNCAS espera unha rebaixa do 5,5% esperado en 2014 ao 4,6% en 2015. A pesar deste descenso, a débeda pública continuará aumentando e situarase no 102,6% do PIB o próximo ano.

Pola contra, a débeda do sector privado non financeiro continuará reducíndose ata situarse ao finalizar o próximo exercicio en torno ao 167% do PIB, 50 puntos porcentuais por debaixo do máximo alcanzado en 2010 e só 10 puntos por enriba da media prevista para a zona euro.