Antonio Erias, un excelente deputado, deixa o Congreso para asumir importantes responsabilidades no Mercado Ibérico do Gas

Con Erias e Ana Vazquez no Foro Hispano Luso  en Vidago
Onte, o meu compañeiro deputado, amigo e paisano, Antonio Erias Rey formalizaba a súa baixa no Congreso dos Deputados, no que mantiña escano pola circunscrición da Coruña dende o ano 2004.

Erias é Catedrático de Universidade. Doutor en Economía. E foi Concelleiro do Concello da Coruña (1999-2003), Deputado provincial e Vicepresidente Primeiro da Deputación Provincial da Coruña (1999-2003).

Na actual Lexislatura era o Voceiro da Comisión de Industria, Enerxía e Turismo e Vogal da Comisión de Economía e Competitividade, da Comisión de Asuntos Exteriores e da Comisión de Seguimento e Avaliación dos Acordos do Pacto de Toledo, ademais de Vogal Suplente da Deputación Permanente.

Antonio Erias foi nestes últimos anos relator de importantes leis enerxéticas: do Proxecto de lei financiamento con cargo aos Presupostos Xerais do Estado de determinados custos do sistema eléctrico, do PL encargado das relacións con Consello Seguridade Nuclear, do proxecto de lei de medidas fiscais de sostibilidade enerxética e do Proxecto de Lei do Sector Eléctrico. E tamén foi a documentada voz do GPP nos debates de importantes Reais Decretos Leis que afectan ao sector eléctrico e gasista.

E deixa o Congreso para facerse cargo a principios do próximo mes de novembro da Dirección Xeral do Mercado Ibérico do Gas (Mibgas)

Unha responsabilidade que encaixa perfectamente coas súas aptitudes e coñecementos, e que ademais se que lle apaixona. Son testemuña diso pois no recente IV Foro Parlamentario Hispano-Portugués celebrado o pasado 27 de maio en Vidago, Antonio, xusto ao meu lado, dedicaba a súa intervención a "defender que se intensificara o mercado ibérico do gas, tomando como camiño o mercado ibérico da electricidade (Mibel) e a pedir que se reforzasen as relacións de España e Portugal en termos de redes de transporte de gas para potenciar a utilización das terminais de gas licuado existentes na península ibérica."

Por outra parte, Antonio Erias é un convencido de que sen dúbida un dos retos europeos é o dunha política enerxética común para a Unión Europea.

Como dicía onte en Belxica, o presidente Mariano Rajoy "a UE debe mirar cara ao Mediterráneo meridional para superar a súa dependencia do gas do Leste, e que nese sentido, "a Península Ibérica, España e Portugal poden servir de ponte enerxética entre o sur e a Unión Europea. Para iso, debe deixar de ser unha illa enerxética e debe desenvolver, co apoio decidido das institucións e dos socios da Unión, as interconexións necesarias"

Imos todos os deputados a sentir moito a marcha de Antonio Erias, sen dúbida un de nosos mais brillantes deputados, máis ao tempo felicitámoslle e desexamos o mellor na súa nova singladura profesional.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.