Novos investimentos de 542,7 millóns de euros para a LAV Madrid-Galicia

Recibimos hoxe a excelente noticia de que o Ministerio de Fomento que dirixe Ana Pastor, aprobou, a través de Adif Alta Velocidade, un investimento global de 542,7 millóns de euros (IVE incluído) para a instalación de diversos equipamentos e a subministración de materiais destinados á construción da Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia.

O investimento máis significativo, por valor de 511,9 millóns de euros, corresponde á adxudicación da redacción dos proxectos construtivos, execución das obras, conservación e mantemento das instalacións de encravamentos, sistemas de protección do tren, control de tráfico centralizado, sistemas auxiliares de detección, telecomunicacións fixas, GSM-R e instalacións de protección e seguridade no tramo Olmedo-Ourense.

O contrato tamén inclúe a conservación e mantemento das instalacións existentes no tramo Ourense-Santiago, xa en servizo. Do importe total da adxudicación, 267,3 millóns de euros destinaranse á execución da obra, e 244,6 millóns de euros para as tarefas de mantemento.

Esta actuación ten por obxecto o desenvolvemento global e integrado das instalacións de control de tráfico, telecomunicacións, protección e seguridade da liña. As obras, que se realizarán por fases, inclúen os seguintes traballos:

- A redacción dos proxectos das instalacións que compoñen os subsistemas de control de tráfico, telecomunicacións, protección e seguridade do tramo Olmedo-Ourense.

- A redacción do proxecto de adecuación das instalacións de sinalización e comunicacións da rede convencional por afeccións (incluídas as da liña eléctrica de 25 kV) no tramo Olmedo-Ourense.

- A execución das obras descritas nos proxectos.

- O mantemento das instalacións executadas no tramo Olmedo-Ourense dende a súa posta en servizo, así como no tramo Ourense-Santiago, actualmente en explotación, excluídas as correspondentes afeccións á rede convencional.

Ademais, o Consello de Administración de Adif Alta Velocidade aprobou a licitación de cinco contratos de subministración e transporte de balasto para o tramo Zamora-Pedralba de la Pradería, tamén na Liña de Alta Velocidade Madrid-Galicia, por un importe conxunto de 30,8 millóns de euros.

Os contratos inclúen a extracción da pedra para a fabricación dun total de 798.360 toneladas de balasto, o seu almacenamento temporal, o traslado ás zonas de abasto situadas ao longo da traza e a preparación das zonas de almacenamento previstas, entre outras actuacións.

Reitero, unha excelente noticia que representa un novo e importante impulso á conexión de Galicia coa Meseta.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta




Con la tecnología de Blogger.