Destacando a sensibilidade do Goberno na regularización dos pensións dos emigrantes retornados

Interveño hoxe no Pleno do Congreso no debate da moción do BNG sobre a tributación das pensións dos emigrantes retornados.

Na miña intervención dixen que o Grupo Parlamentario Popular (GPP), o Goberno e a Xunta de Galicia son sensibles ao problema das pensións dos emigrantes e fórono dende o primeiro momento e, neste sentido, recordei que foi a Xunta de Galicia, con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, a que argumentou ante o Ministerio de Facenda e a AEAT que ese colectivo, formado na súa maioría por persoas de avanzada idade, non podía en ningún caso ser considerado como defraudador, xa que é evidente que se producira unha falta de información e que os emigrantes retornados que non declararan as súas pensións do estranxeiro o fixeron sen ningún ánimo de ocultalas.

Afirmei que o Goberno de Mariano Rajoy e de Cristóbal Montoro atendeu as demandas do colectivo de emigrantes retornados mediante o proxecto de lei de reforma da Lei 35/2006, de 28 de novembro de modificación da lei de IRPF, que se está a tramitar na actualidade e que habilita un mecanismo de regularización extraordinaria por parte dos contribuíntes afectados cun prazo improrrogable de seis meses, establece a condonación dos intereses de demora, recargas e sancións derivados da regularización (o que en termos económicos, segundo a Axencia Tributaria, significa a devolución duns 20 millóns de euros), e ofrece a posibilidade do fraccionamento e aprazamento dos pagamentos para que non resulten gravosos para este colectivo.

Dixen que hoxe é día de celebrar a solución ao problema deste colectivo, todo o feito mostra a sensibilidade social do Goberno e como soubo reaccionar, todo o contrario a unha postura de enrocamiento.


Insistín en que a retroactividade que se pide dende a oposición non é posible, xa que o sometemento a tributación das pensións nacionais, eximindo de gravame as pensións estranxeiras, representaría un privilexio que atentaría contra os principios constitucionais de igualdade e xeneralidade. Os emigrantes retornados, ao ter a súa residencia habitual en territorio español, teñen a consideración de contribuíntes polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e, en consecuencia, deben tributar en España neste imposto pola súa renda mundial, con independencia do lugar onde se producisen as rendas e calquera que sexa a residencia do pagador destas.

Aproveitei a intervención para despexar tamén calquera dúbida sobre unha posible dobre imposición aos emigrantes. En caso de que as pensións recibidas do estranxeiro por un residente en España poidan resultar gravadas tamén no outro Estado de procedencia da renda, os propios convenios asinados por España para evitar a dobre imposición prevén mecanismos para eliminala, aclarei, á vez que expliquei que na lexislación interna española, o artigo 80 da LIRPF tamén regula unha dedución por dobre imposición internacional. Polo tanto, que non se vai producir unha dobre imposición.


No que respecta aos procedementos en curso, aclarei que están todos eles paralizados pola Axencia Tributaria e recomendei que os contribuíntes afectados se dirixan ás oficinas da Axencia Tributaria para que lles asistan e informen sobre o modo de solucionar as circunstancias concretas que concorran.




Con la tecnología de Blogger.