sábado, 6 de septiembre de 2014

Entrevista no Faro de Vigo

Hoxe o diario Faro de Vigo, edición de Ourense, publica unha entrevista efectuada onte polo xornalista Xosé Manuel del Caño que xira fundamentalmente sobre a situación actual - nestes momentos de comezo dun novo curso político - dos proxectos de investimentos en infraestruturas estatais en e con influencia directa en Ourense.

Os espazos na prensa escrita son necesariamente limitados, o que explica que non puidese publicar algunha das miñas reflexións previas que pasaban por analizar a situación socioeconómica actual de Ourense, no contexto de Galicia e de España.

Sinalei que trinta e dous meses despois do cambio de Goberno, a situación de España non é a dun país en recesión, senón en crecemento económico, non é de destrución de emprego, senón de creación de emprego.

Citei o caso de Ourense, que en decembro de 2011 tiña 28.217 parados rexistrados e que pechou agosto de 2014 con 25.404, o que representa 2.813 parados menos. Son datos alentadores que nos invitan, como dicía o pasado domingo Rajoy, a continuar nunha "loita sen cuartel" contra o paro.

A mellora na situación financeira das administracións públicas, do sistema crediticio e a nova reforma fiscal en curso que baixará os impostos dun xeito moi apreciable á maioría dos ourensáns, centrou outra parte das miñas reflexións.

Unha mensaxe importante, que reitero foi a de agradecemento aos cidadáns que tiveron e aínda teñen que facer moitos esforzos persoais para contribuír á superación dos enormes problemas do noso País. Sen eles non tería sido posible.


Sí recolle a entrevista as miñas valoracións sobre a situación das obras do ferrocarril de alta velocidade. Respondín que nestes momentos, as obras de conexión de Galicia e en concreto de Ourense coa Meseta, avanzan a moi bo ritmo, coa previsión de que en 2015 (condicionado nás datas pola instalación dos sistemas de seguridade, de control do tráfico ferroviario e dos sistemas de telecomunicacións) o tren será de alta velocidade dende Madrid ata Zamora, o que significa que a viaxe se reduciría uns 40 a 45 minutos, de modo que se poderá viaxar a Madrid en AVE en torno ás catro horas.

Dixen que as obras dende Zamora ata Lubián e dende alí ata Ourense avanzan a moi bo ritmo e que as dificultades técnicas se van solucionando. E reflexionei sobre que é moi importante que os Presupostos Xerais do Estado sigan considerando esas cifras de investimento que son tan necesarias. E que seguimos traballando no obxectivo de que a conexión poida estar en servizo no ano 2018.

Preguntado sobre o tramo pendente dende Taboadela a Ourense, dixen que o día 3 de marzo deste ano se aprobou o expediente de información ao público e que agora se encontra no Ministerio de Medio Ambiente para facer unha avaliación das modificacións que incluía e que unha vez que estes temas se solucionen, xa estaría en condicións de poder licitarse.

Preguntado sobre se a primeira prioridade a constitúe que a AVE chegue a Ourense no ano 2018, fronte á implantación da estación intermodal, respondín en sentido afirmativo, pero ao tempo dixen que temos marxe abondo para abordalo, como un proxecto de cidade, na que o consenso entre o Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense sexa a nota dominante. E que dentro do Concello de Ourense sería importante lograr un acordo entre os principais partidos, na medida do posible.

Recordei que hoxe dende Ave A Coruña e Santiago, chegan a Ourense os trens Avant e que estas tres estacións experimentaron reformas, para adaptalas ás novas necesidades. A estación de Ourense mellorou os seus aparcadoiros, as súas plataformas, a súa accesibilidade e que dende logo precisará unha actuación máis importante para a conexión en alta velocidade con Madrid.

Tamén na entrevista falamos de estradas e dixen que estamos á espera de que antes de que conclúa este ano se licite a redacción de dous tramos da autovía Ourense-Ponferrada, un deles na provincia de Ourense, entre A Veiga de Castallá e o Barco de Valdeorras. Tamén que estamos a esperar novos impulsos da variante norte de Ourense, pois xa foi aprobado o expediente de información ao público e avances no tramo entre Ourense e o enlace de Cambeo da autovía entre esta cidade e Lugo.


Sobre os investimentos do Ministerio de Cultura en Ourense, dixen que as obras da biblioteca pública están moi avanzadas, que se están a cumprir os prazos e que as obras do arquivo provincial tamén avanzan.
Polo que respecta ao Museo Arqueolóxico Provincial, respondín que hai avances pois se publicou unha resolución no BOE do 11 de xuño, pola que se convocaba un procedemento para adxudicar a redacción do anteproxecto dos proxectos básico, de execución e de actividade da rehabilitación arquitectónica do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense por importe de 598.000 euros. Dixen que o prazo para presentar ofertas finalizou o día 1 deste mes e que as ofertas se abrirán o próximo 9 de outubro.
A entrevista, tamén por falta de espazo, non recolle as miñas respostas sobre o progreso das obras do Ministerio de Medio Ambiente relativas á nova EDAR de Reza, así como ás complementarias para o abastecemento de auga á cidade de Ourense.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta