viernes, 29 de agosto de 2014

Os datos de Contabilidade Nacional evidencian o crecemento e a recuperación

Onte coñecemos os datos de Contabilidade Nacional do INE, que evidencian que a actividade económica se acelerou no segundo trimestre do ano e acumula catro trimestres consecutivos en positivo. A taxa intertrimestral do PIB sitúase no 0,6%, dúas décimas máis que no primeiro trimestre, ao ritmo máis elevado dende o cuarto trimestre de 2007. En termos interanuais, o PIB increméntase o 1,2%, sete décimas máis que no trimestre previo, o que consolida a tendencia de progresiva recuperación iniciada o pasado ano.

Entre os compoñentes da demanda nacional, destaca o maior ritmo de avance do gasto en consumo final de fogares, que se acelera dúas décimas en termos intertrimestrais, ata o 0,7%, e sete décimas en interanuais, ata o 2,4%. Esta última taxa é a máis elevada dende o primeiro trimestre de 2008.

O consumo das Administracións Públicas, pola súa banda, desacelérase máis de catro puntos ata anotar unha taxa intertrimestral do 0,1% (4,4% o trimestre anterior).

A formación bruta de capital fixo continúa o comportamento expansivo iniciado no terceiro trimestre de 2013 ao anotar unha taxa intertrimestral do 0,5%. A devandita recuperación explícase polo repunte do investimento en construción, que pasa de diminuír o 3,2% no primeiro trimestre a crecer o 0,9% no segundo, taxa positiva por vez primeira dende o terceiro trimestre de 2011 (+0,5%).

Pola súa banda, o investimento en bens de equipo crece por sexto trimestre consecutivo, o 2% intertrimestral, dúas décimas menos que no trimestre anterior.

Polo lado da oferta e, en termos intertrimestrais, o VAB das principais ramas de actividade mellora no segundo trimestre do ano, agás o da rama agraria, que retrocede un 5,9%. Entre os restantes, o maior avance rexístrase na industria, cun crecemento do 1,1% fronte á caída do 0,6% do trimestre anterior, seguida da construción, cunha taxa do 0,9%, positiva por vez primeira dende o primeiro trimestre de 2008. Por último, os servizos, cuxo VAB se acelera medio punto, ata o 0,6%.

A taxa interanual do deflactor do PIB sitúase en terreo negativo por segundo trimestre consecutivo, no -0,4% fronte ao -0,6% do primeiro trimestre. Esta lixeira aceleración explícase tanto polo maior ritmo de avance do deflactor do consumo privado, que crece un 0,2%, dúas décimas máis que no trimestre precedente, como pola moderación no ritmo de caída do deflactor da formación bruta de capital fixo e das exportacións, 0,6 e 1,6 pp, respectivamente, ata o -1,5% e o -1,2%. O deflactor das importacións, pola súa banda, tamén diminúe con menor intensidade, o 0,5%, case dous puntos menos que no primeiro trimestre do ano.

O ritmo de creación de emprego equivalente a tempo completo intensifícase no segundo trimestre de 2014, medio punto en termos intertrimestrais ata o 0,6%, o que supón a creación neta de 96.500 postos de traballo equivalente a tempo completo, a cifra máis elevada das rexistradas dende o primeiro trimestre de 2008. 

En termos interanuais, o emprego crece un 0,8%, taxa positiva por primeira vez dende o segundo trimestre de 2008. Como consecuencia da evolución do PIB e do emprego, a produtividade por ocupado desacelérase catro décimas en taxa interanual, ata o 0,4%. A remuneración por asalariado pasa de diminuír un 0,1% no primeiro trimestre a crecer un 0,3% no segundo, de maneira que os custos laborais unitarios (CLU) se estabilizan tras a caída do 0,9% do período xaneiro-marzo.

A economía española presenta no segundo trimestre de 2014 unha capacidade de financiamento fronte ao resto do mundo de 10 millóns de euros, inferior en 5.337 millóns de euros á dun ano antes. En termos do PIB nominal, supón unha capacidade de financiamento do 0% do PIB, inferior en 2 puntos a hai a un ano.

En definitiva, os datos de contabilidade nacional do segundo trimestre do ano evidencian a recuperación da produción e do emprego. Por unha parte, constátase que a actividade económica vai gañando impulso, debido principalmente ao crecemento de todos os compoñentes da demanda privada.

 O investimento en bens de equipo leva seis trimestres crecendo e o investimento en construción aumenta, situación que non se producía dende 2011. O consumo dos fogares pola súa banda alcanza un crecemento anual do 2,4%.

Igualmente, os datos do segundo trimestre tamén evidencian o inicio dunha senda xeradora de postos de traballo, coa creación de 96.500 postos de traballo equivalentes a tempo completo en termos de contabilidade nacional, e pasa a crecer en termos interanuais por primeira vez dende 2008.

A xuízo do Goberno, os equilibrios económicos alcanzados e as melloras de competitividade logradas coas reformas económicas realizadas achegan unhas bases sólidas para garantir a continuidade da recuperación da produción e do emprego durante os próximos trimestres.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta