viernes, 18 de julio de 2014

Sobre o repunte das importacións e a súa repercusión na balanza comercial


Esta semana coñeciamos o Informe Mensual de Comercio Exterior correspondente ao mes de maio, e tamén o dato de que nos primeiros cinco meses do ano, as exportacións españolas aumentaron un 0,8% interanual, ata a cantidade de 98.664,0 millóns de euros, novo máximo na serie histórica (dende 1971).


Os resultados acumulados para España mostraron o bo comportamento das exportacións nacionais en comparación coas dos nosos principais socios comerciais. Así, as exportacións superaron o comportamento das exportacións francesas (-2,3%) e as de Reino Unido (-14,1%), aínda que se situaron por debaixo das alemás (2,6%). Fóra da UE, as exportacións de Estados Unidos creceron un 3,0% mentres que as de Xapón continuaron co seu crecemento, do 4,4%, nos cinco primeiros meses de 2014.

Pola súa banda, as importacións sumaron 109.069,4 millóns de euros, cunha suba do 5,3% respecto ao mesmo período do ano 2013. Este crecemento das importacións está en boa medida motivado pola tendencia de mellora da demanda interna.

Nos cinco primeiros meses de 2014, o déficit comercial alcanzou os 10.405,4 millóns de euros (déficit de 5.717,7 millóns en xaneiro-maio de 2013). O superávit non enerxético rexistrou a cifra de 7.179,5 millóns de euros e o déficit enerxético reduciuse un 2,3% ata os 17.584,8 millóns de euros. A taxa de cobertura situouse no 90,5%, 4,0 puntos inferior á do mesmo período do ano pasado (94,5%).

Este repunte das importacións coincidindo cunha caída nas exportacións pola menor demanda dos mercados emerxentes, é un problema que non favorece a recuperación.

Onte dicía FUNCAS que "a economía española necesita elevar a súa taxa de investimento para afianzar o potencial de crecemento e a creación de emprego, pero este investimento debe financiarse con aforro interno e non con máis débeda externa. Polo tanto, a política económica debería potenciar as exportacións máis que o consumo e progresar na redución dos desequilibrios do sector público para elevar a capacidade de aforro do conxunto da economía"

Agardemos a ver a evolución dos vindeiros meses.