viernes, 18 de julio de 2014

Aprobado o Real Decreto de asistencia ás vítimas de accidentes ferroviarios e os seus familiares

Destaco do Consello de Ministros, celebrado hoxe, a aprobación por proposta do Ministerio de Fomento, do Real Decreto de asistencia ás vítimas de accidentes ferroviarios e os seus familiares. Este Real Decreto, que desenvolve a lei aprobada en 2013, enmárcase nas 22 medidas que está a desenvolver o Ministerio para a mellora do sector ferroviario.

A norma ten por obxecto prestar unha asistencia integral que garanta unha axeitada atención e apoio ás vítimas de accidentes ferroviarios e os seus familiares, e establecer os protocolos para a coordinación entre os distintos axentes implicados.

Entre outros aspectos, o texto define as actuacións que deben garantirse por parte da Administración Xeral do Estado, como son:

A comunicación a embaixadas doutros Estados da existencia de vítimas das súas respectivas nacionalidades.

A tramitación de visados e autorizacións para a entrada e saída en España dos familiares e as vítimas.

A expedición de forma rápida de documentos de identidade ou viaxe ás vítimas e familiares de nacionalidade española.

As medidas administrativas que permitan a repatriación dos cadáveres, logo de autorización da autoridade xudicial.

A prestación da información relativa á identificación das vítimas, o alcance da asistencia, e os dereitos conexos que os asistan, tendo en conta as especiais necesidades das persoas con minusvalidez.

O Real Decreto establece o contido mínimo dos Plans de protección civil das Comunidades Autónomas en materia de asistencia ás vítimas de accidentes e os seus familiares, no referente a aspectos tales como:

A asistencia psicolóxica.

A protección da intimidade e dignidade das vítimas e os seus familiares.

A habilitación de espazos privados para os familiares, así como para a colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e policías autonómicas.

A prestación de todo tipo de información ás vítimas e familiares, incluídos o alcance da asistencia.

Así mesmo, na norma regúlanse as obrigas que deben articularse a través dos plans de asistencia que han de elaborar as empresas ferroviarias, así como os administradores de infraestruturas ferroviarias. En concreto, aquelas relacionadas con:

Facilitar información sobre as persoas a bordo do tren accidentado e as medidas de asistencia aos viaxeiros e os seus familiares.

Os requisitos para garantir a atención das consultas.

A habilitación de instalacións para a asistencia e información dos familiares.

O transporte e aloxamento das vítimas e os familiares.

A asistencia psicolóxica e a información sobre asistencia financeira.

O depósito e devolución dos efectos persoais aos seus propietarios ou familiares, etc.

A formación do persoal e a realización de simulacros periódicos, así como o mantemento actualizado do plan.

Seguro Obrigatorio de Viaxeiros:

Así mesmo, o Consello de Ministros, mediante unha disposición adicional ao Real Decreto, aprobou o incremento do baremo de indemnización actualmente fixado no Regulamento do Seguro Obrigatorio de Viaxeiros. Desta forma, en caso de accidente ferroviario no servizo de viaxeiros, a persoa accidentada ou os beneficiarios do seguro percibirán unha indemnización que duplicará a considerada actualmente no regulamento.

CIAF:

Por último, o Goberno deu luz verde á modificación da norma que regula o funcionamento da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios.

O texto considera a ampliación da duración do mandato de 4 a 6 anos e eliminar a posibilidade de reelección para o cargo; recolle de forma expresa os supostos de cesamento no cargo dos membros do Pleno, así como as funcións do seu presidente e secretario Xunto a iso, regula a figura de vicepresidente, ata agora inexistente.

O equipo de investigación será designado para cada investigación polo presidente da Comisión, podendo recorrer a peritos internos ou externos, segundo os requirimentos da investigación.

Inclúe, ademais, a concesión dun prazo de 15 días para facer observacións á información recollida no informe relativa aos feitos acaecidos e ás investigacións efectuadas.

Cabe recordar que o pasado mes de febreiro xa se aprobou outra das 22 medidas dirixidas á mellora do sector ferroviario, relativa á composición, funcionamento e réxime xurídico da CIAF. Coa súa entrada en vigor quedou establecida a participación do Congreso dos Deputados no procedemento de nomeamento dos membros da CIAF.