jueves, 17 de julio de 2014

Falando de pobreza infantil en Radio Voz

Falamos hoxe en Radio Voz, no programa que modera Antía Díaz Leal, de probreza infantil. En concreto dos 725.000 euros que recibirá Galicia do Fondo estatal para a prevención e loita contra a pobreza infantil á atención integral das familias con menores a cargo e nunha situación de especial vulnerabilidade.

Recordei que Galicia é a sexta comunidade autónoma coa taxa AROPE máis baixa, o que determinou que a comunidade recibise do fondo esta suma que non garda referencia coa súa poboación.

Concordei coa conselleira en que de cara a próximas distribucións deste fondo, ademais da taxa AROPE, se teña tamén en conta a poboación dos territorios á hora de repartir este financiamento.

Lembrei que a Xunta complementará as achegas deste fondo cos seus recursos propios. Así para este ano, incrementáronse as axudas de emerxencia social para as familias con mellores até os 4,5 M€, ampliouse o convenio co Banco de Alimentos até os 50.000€, concedéronse 1,5 M€ a entidades de iniciativa social ou se aumentou a Risga até os 42,35 M€.

Tamén falei do Plan Nacional de Inclusión Social, aprobado polo Goberno de España en decembro de 2013 dotado con 136.000 millóns de euros para catro anos. É o primeiro de cantos se puxeron en marcha en España que responde unicamente ao compromiso político do Goberno e destinará 93 millóns de euros ao día a axudar as familias en situación de maior vulnerabilidade. Por primeira vez, incorpórase un obxectivo transversal de loita contra a pobreza infantil, e haberá un Fondo Extraordinario de dezasete millóns de euros integramente dedicado á atención ás necesidades básicas dos menores.

O Plan conta con 240 medidas e articúlase en tres obxectivos estratéxicos (Emprego, Sistema de Prestacións e Servizos Básicos), ademais dun apartado específico de atención a todos os grupos que poden encontrarse en risco de exclusión.

Rematei dicindo que desde o Goberno do PP o que queremos é favorecer o crecemento da economía e a creación de postos de traballo, que é o mellor modo para loitar contra a exclusión.