jueves, 10 de julio de 2014

Concesión das Medallas de Ouro de Galicia ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois

Celebro a decisión adoptada hoxe  polo Consello da Xunta de que as Medallas de Ouro de Galicia sexan este ano unha homenaxe ás vítimas do accidente ferroviario de Angrois e un recoñecemento ao labor da “Galicia solidaria” que “asombrou ao mundo” tras o sinistro.

O presidente Alberto Núñez Feijóo, apuntou que, un ano despois, a Comunidade “non esquece nin unha cousa nin a outra”, polo que o Goberno autonómico decidiu que as súas máximas distincións sexan “unha homenaxe de toda Galicia ás vítimas” e, tamén, un recordo de toda Galicia “para todas as mulleres e todos os homes que responderon cun comportamento exemplar ao que Galicia requiría”.

Na súa comparecencia ante os medios, avanzou que o Consello acordou entregar as Medallas de Ouro de Galicia o vindeiro 24 de xullo, é dicir, xustamente un ano despois do descarrilamento do tren en Santiago, e de facelo como “homenaxe ao sufrimento dos que viviron en primeira persoa esta traxedia, como recoñecemento permanente aos que xa non están e como recordo á implicación e á humanidade de moitísimos colectivos que traballaron esa noite”.

Feijóo subliñou a motivación “excepcional” da que nacen as distincións de 2014 e asegurou que esta distinción é a que o Goberno galego non querería dar nunca, porque “a todos nos segue doendo o que pasou e, desde logo, desexariamos que nunca tivese ocorrido”.

“O accidente de Angrois é, serao sempre, unha das maiores traxedias da nosa historia, pero a forma en que decidimos afrontalo permanecerá tamén como un reconstituínte exemplo do que somos: tamén desde a peor situación imaxinable se pode facer a mellor Galicia”, asegurou o presidente da Xunta.

O titular do Executivo autonómico sinalou que a inmensa maioría dos cidadáns seguen a solidarizarse co que aconteceu e coinciden en que a resposta foi extraordinaria, polo que o Goberno galego decidiu conceder as Medallas de Ouro de Galicia ás vítimas e aos que traballaron no accidente. Faino, engadiu, sabendo que “nin o maior recoñecemento que se pode dar en Galicia está á altura do sufrimento das vítimas nin da actitude exemplar que tiveron miles de persoas naqueles días”, pero querendo que esta homenaxe sirva “como testemuña do eterno agradecemento que temos por todas elas”.

Nese sentido, comunicou que se concede a Medalla de Ouro de Galicia ás persoas que sufriron directamente a catástrofe, é dicir as 79 persoas que perderon a vida no tren e ás súas familias, así como aos centos de feridos que en moitos casos aínda loitan por recuperar completamente a saúde. Feijóo indicou que as consecuencias do ocorrido son “irreparables para todos eles”, pero manifestou o seu desexo de que este recoñecemento sirva “para que sintan que un ano despois Galicia sigue con eles, ao carón do seu sufrimento e da gran dignidade coa que afrontaron esta traxedia”.

En segundo lugar, o mandatario autonómico destacou a vontade de deixar constancia coa concesión da Medalla de Galicia, do recoñecemento da sociedade aos veciños de Angrois que, sen dubidalo, se lanzaron ás vías nos primeiros momentos, “sen máis pensamento que socorrer aos feridos”.

Xunto con isto, Feijóo destacou que Galicia sente “admiración por todas as persoas que, nas distintas frontes necesarias para que funcionara o dispositivo, se entregaron con toda a súa profesionalidade e con toda a súa humanidade”. Así, referiuse á concesión, en terceiro lugar, da Medalla de Ouro de Galicia aos bombeiros e voluntarios de Protección Civil que traballaron nas vías para auxiliar aos feridos e rescatar ás vítimas mortais; ao persoal de Emerxencias do 061 que coordinou o dispositivo coa máxima axilidade posible; aos profesionais do Colexio de Psicólogos de Galicia e da Cruz Vermella que traballaron por aliviar no posible a dor das familias das vítimas e dos feridos; e aos membros dos corpos que velaron pola seguridade, é dicir, da Policía Local, da Policía Autonómica, da Policía Nacional e da Garda Civil, así como ao Instituto de Medicina Legal de Galicia polo seu labor de identificación de vítimas.

E, en cuarto lugar, subliñou que as Medallas de Galicia recoñecen o labor realizado polos profesionais da sanidade, é dicir, do persoal sanitario da área de Compostela que atendeu ás vítimas, así como o papel fundamental dos traballadores do Centro de Transfusión de Galicia e da Federación de Doantes.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta