No Día das Letras Galegas

Hoxé é a festa la lingua galega e un grupo de militantes do PP de Ourense acudimos diante do monumento a Eduardo Blanco Amor, onde o noso voceiro municipal deu lectura a esta declaración:

"Como cada 17 de maio, dende hai xa 51 anos, os galegos celebramos o Día das Letras Galegas, unha celebración que se institucionalizou co gallo de defender e por en valor a lingua e a literatura galega. Escolleuse o 17 de maio porque esa foi a data da edición do libro de Rosalía de Castro Cantares Gallegos, primeira gran obra mestra coa que contou a literatura galega.

Este ano, a figura homenaxeada neste día é a do poeta de Guitiriz Xosé María Díaz Castro, un extraordinario poeta que xurde dunha terra que nel se volve un mito, un elemento de continua referencia e celme permanente da súa poesía. Un poeta que viviu unha vida marcada pola poesía, xa que para el a poesía é unha canle de contacto co mundo, unha actividade puramente artística, que constitúe a forma máis perfecta de expresión dos seres humanos e as súas relacións.

Dende o Partido Popular de Ourense queremos sumarnos a esta homenaxe e a esta celebración, reafirmando o nítido compromiso da nosa formación política coa lingua, a literatura e a cultura galega. A lingua, coma todo ser vivo, corre o risco de morrer, por iso se fai preciso que as institucións e a sociedade velen pola súa saúde. 

Os populares ourensáns seguiremos velando pola nosa lingua a través da terapia máis efectiva, o seu uso. O uso dunha lingua que, como demostran a historia e celebracións coma a que hoxe nos xunta, representa o espírito dun pobo que foi configurando a súa idiosincrasia en torno ao feito diferencial que supón posuír unha lingua propia.

Por todo isto, dende o Partido Popular de Ourense continuaremos a ser abandeirados da defensa da lingua e a cultura galega, ferramenta fundamental para construír a Galicia do futuro."

Tamén foi recitado o poema máis editado e traducido de Díaz Castro, "Penélope", que reproduzo:

         "Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
          e a tea dos teus soños non se move.

         A espranza nos teus ollos se espreguiza.
         Aran os bois e chove.

                                             Un bruar de navíos moi lonxanos
                                             che estrolla o sono mol coma unha uva.
                                             Pro ti envolveste en sabas de mil anos,
                                             e en sonos volves a escoitar a chuva.

                                             Traguerán os camiños algún día                   
                                             a xente que levaron. Deus é o mesmo.
                                             Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
                                             e toda cousa ha de pagar seu desmo.

                                            Desorballando os prados coma sono,
                                            o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
                                           Vaise enterrando, suco a suco o Outono.


                                           ¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!"


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.

Con la tecnología de Blogger.