Un sistema de financiamento autonómico que teña en conta o custo diferencial da prestación en cada territorio dos servizos públicos básicos

Hoxe o voceiro do GPP no Parlamento de Galicia, Pedro Puy Fraga, fixo unhas declaracións sobre financiamento autonómico que comparto integramente e por iso fágome eco neste blog:

 “Calquera sistema de financiamento autonómico debe partir do suposto de que se garanta a suficiencia na prestación dos servizos públicos básicos e esa suficiencia se garante só se se ten en conta o custo diferencial da prestación en cada territorio deses servizos públicos básicos”.

Pedro Puy – experto nestas materias - avogou por unha negociación multilateral, que se transforme nun acordo “ao que se sumen a maior parte das comunidades autónomas, senón todas”.

Puy recordou que o sistema vixente na actualidade data do ano 2009, cando foi negociado polo anterior Goberno do Estado. “A Xunta apoiou este sistema non porque fose o óptimo ou tivese en conta as variables que Galicia pedía que se incluísen no modelo, senón porque naquel momento se estaba discutindo que se ía facer coas liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009”.

O acordo definitivo supuxo unha prorroga de cinco anos para a devolución destas liquidacións, coa conseguinte repercusión positiva na economía galega nestes anos.

IGUALDADE NA PRESTACIÓN

Pedro Puy sinalou que o sistema de financiamento autonómico debe garantir unha igualdade mínima na prestación dos servizos públicos básicos en todo o Estado, que non dependa estritamente da poboación senón que debe estar en relación co custo da prestación deses servizos en cada territorio, nos que se dan distintas circunstancias”.

Tamén sinalou que a Xunta de Galicia vén defendendo historicamente unha postura  dirixida a garantir o principio de suficiencia na prestación dos servizos públicos básicos. “Estamos a comprobar nos propios orzamentos que o actual sistema, que non prexudica en exceso a Galicia, non chega para cubrir a suma de gastos que a comunidade autónoma ten en sanidade, educación e servizos sociais”, especificou.

REUNIÓNS OPORTUNAS

Afirmou que “a posición de Galicia debe centrarse en buscar esa garantía do financiamento dos servizos públicos básicos, tendo en conta o custo real da súa prestación”,  e considerou moi oportunas as reunións celebradas pola conselleira de Facenda da Xunta con outras comunidades autónomas que comparten estes principios”.

Neste sentido, subliñou que “hai que facer unha labor de posta en común de principios que se incorporen á reforma do financiamento autonómico”, porque “cantas máis comunidades autónomas compartan a idea de que todos os cidadáns de España teñen dereito a un financiamento que garanta un nivel similar de prestación dos servizos públicos básicos, moito mellor será para Galicia, onde temos algunhas prestacións que, pola estrutura do asentamento da poboación no territorio ou pola pirámide de poboación, esixen un esforzo maior para a prestación de servizos sanitarios ou servizos sociais”.

Rematou Pedro Puy rexeitando o principio de ordinalidade defendido polo Partido Socialista de Galicia, “que implica unha restrición a través do sistema de financiamento autonómico de tal maneira que ningunha comunidade pode ter máis recursos por habitante dos que lle correspondería en función do seu produto interior bruto, porque desfai o principio de igualdade na prestación dos servizos públicos básicos en toda España”.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.
Con la tecnología de Blogger.