Onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado de Jesús Vázquez e de Manuel Baltar, visitaba o
Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las, situado nos
concellos ourensáns de San Amaro e Punxín que contou cun investimento global de
10 millóns de euros, e coa achega do Ministerio de Fomento, con cargo ao 1% cultural,
para a construción do Centro de Interpretación.
Na súa
intervención, Feijóo destacou o traballo realizado pola Xunta para a posta en
valor desta construción castrexa que xa foi obxecto da atención de
investigadores hai case un século: nos anos 1922 e 1925, por parte de
Florentino López Cuevillas; en 1948-1949 por parte de Xaquín Lorenzo Fernández,
na década dos 80-90, con actuacións baixo o amparo do Museo Arqueolóxico de
Ourense, e con escavacións en datas máis recentes. Nos últimos anos, o Goberno
galego decidiu darlle un novo pulo, un impulso “definitivo” a este xacemento,
desenvolvendo diversas actuacións encamiñadas á súa recuperación, protección e
conservación; facilitando o seu estudo por parte dos investigadores; e
favorecendo a súa visita, para facer extensivo o seu coñecemento a todos os
públicos.
O Centro de Interpretación, dispón de máis de 3.000 metros
construídos, alberga unha exposición permanente da cultura castrexa, permite a
realización de exposicións temporais e conta con aulas didácticas, espazo para
traballo dos arqueólogos e zonas de investigación e documentación. Un centro
cuxa dirección técnica a Xunta acaba de atribuír ao prestigioso Museo
Arqueolóxico Provincial de Ourense, a través da sinatura dun acordo, que tamén
prevé o traslado de pezas arqueolóxicas deste museo a San Cibrao de Las, aínda
que ditas pezas continuarán adscritas ao Museo Provincial.
Xunto co centro de Interpretación, tamén se creou un
circuíto de visita para posibilitar o acceso ao elemento máis valioso do
parque: o xacemento arqueolóxico. Algo que permite complementar os coñecementos
que o visitante adquire no Centro de Interpretación e favorecer o descubrimento
in situ dun dos maiores poboados castrexos de Galicia.
Aproveitamento para
investigadores e turistas
O presidente da Xunta incidiu en que se trata dun “tesouro arqueolóxico” que o
Goberno galego impulsou para que sexa “coñecido e aproveitado por todos”. Por
unha banda, polos investigadores, ao converter San Cibrao de Las nun centro de
coñecemento e estudo da herdanza castrexa de referencia obrigada para os
especialistas da Península. E, por outra, polos cidadáns, xa que o perímetro
amurallado e a conformación interna das estruturas de habitación permiten ao
visitante unha boa comprensión do xacemento.
“San Cibrao de Las revélase, pois, como revulsivo para os
investigadores”, como motor dinamizador de estudo, documentación, coñecemento e
difusión da cultura castrexa; pero tamén como “revulsivo turístico”, dixo
Feijóo, argumentando que o centro será capaz de atraer visitantes de diferentes
puntos da xeografía que desexen coñecer dunha forma didáctica a riqueza da nosa
terra, situando o patrimonio artístico galego como excelente dinamizador –xunto
co termalismo ou a enogastronomía- desta comarca, da provincia de Ourense e de
Galicia enteira.
Destacou, ao respecto, que este xacemento de San Amaro e
Punxín é un enclave verdadeiramente “privilexiado”, tanto desde o punto de
vista do emprazamento –un lugar elevado desde o que poder divisar amplamente os
vales que rodeaban o poboado, mantendo contacto visual con outros castros
próximos e ao carón de terras fértiles e de fácil cultivo-; como polas súas
características –é unha edificación da etapa final da cultura castrexa, moi
influído xa polo proceso de romanización, con ocupación continuada desde o
século II a.C. ata o século II; pola súa extensión –o parque conta cunha
superficie aproximada de 20 hectáreas, 10 delas de escavación; e tamén pola súa
monumentalidade e boa conservación.
Declaración BIC e Rede Galega
de Patrimonio Arqueolóxico
Feijóo explicou que o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrao de
Las está incluído no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia e prevese
que, este mesmo ano, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria incoe a súa declaración como Ben de Interese Cultural, coa
categoría de Zona Arqueolóxica.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.