Asistín esta mañá en Santiago ao
almorzo-coloquio do Fórum Nueva Economía, no que tivo lugar a intervención de
José Manuel Baltar Blanco, Presidenrte da deputación de Ourense, baixo o título "Os
gobernos provinciais do século XXI".
Foi presentado por Pedro Puy, voceiro do Grupo Popular no Parlamento de Galicia.
Foi presentado por Pedro Puy, voceiro do Grupo Popular no Parlamento de Galicia.
A intervención do presidente da Deputación de
Ourense centrouse no seu modelo para o goberno provincial do que dixo
"debe ser previsible, cooperador, transparente, verde, rigoroso, e
dispoñer dun código ético e dunha carta de servizos que o convertan no
verdadeiro concello de concellos e nunha plataforma a través da cal ofrecer aos
cidadáns os mellores servizos públicos".
Manuel Baltar destacou "a trascendental
importancia" que deben ter os gobernos provinciais e, neste senso,
defendeu que "territorio, poboación e identidade" son os elementos
máis singulares que definen a un pobo e polos cales temos que velar, pero sen
renunciar a ser cada día máis modernos e máis eficientes convertendo o
territorio provincial na "Provincia intelixente, na administración
3.0", para que os cidadán perciban a utilidade do seu goberno provincial
en todos os aspectos relacionados coa súa vida.
"Estamos ante unha crise de
civilización, non só unha crise económica", explicou Manuel Baltar, destacando
que as características principais dos gobernos e do político do século XXI son:
ser ético e coidar o medio e o patrimonio histórico-artístico".
Baltar considera que estamos no tempo da
"Redarquía", unha palabra que significa delegación, confianza,
colaboración e relacións de participación descentralizadas. "Estas redes
non están baseadas na submisión e no acatamento acrítico das ordes emitidas por
unha clase dirixente, senón na confianza, no valor engadido e na autenticidade
dos membros que conforman a rede". "Estamos ante unha orde emerxente
de colaboración", entende Baltar. "En contraposición á xerarquía,
funciona de abaixo a arriba: as decisións e solución emerxen de forma natural
como destilación espontánea da intelixencia colectiva".
Os gobernos provinciais deberán contar, en
opinión de Manuel Baltar con todas e cada unha das características das
"estruturas redárquicas": colaboración, autoxestión, transparencia,
emerxencia, coherencia, participación, interdependencia, apertura, adaptabilidade,
liberdade e aprendizaxe. "A política non escolle o momento: sinala a
axenda. Pero ese momento é o que selecciona aos políticos. E hoxe en día toca
xestionar unha realidade dura, fundamentalmente por esas cifras de
desempregados tan dramáticas, máis de trinta mil so na miña provincia de
Ourense".
Estatuto
Baltar dixo que Galicia que non se entende
sen Ourense, "unha Ourense que forma parte da alma de Galicia". Este
ano cumpriranse os 36 anos da vixente Constitución e tamén –lembrou- 33 anos da
norma institucional básica da nosa nacionalidade histórica: o noso estatuto.
"Constitución e Estatuto que foron e son un marco de desenvolvemento vital
do noso pobo. Unha Constitución que se celebra o 6 de decembro. Un Estatuto
que, aínda que vixente e posibilitador, tamén debemos honrar. Así o fará a
Deputación o vindeiro 6 de abril cando estea de aniversario a lei orgánica que
o contén. O Día do noso Estatuto. Unha Deputación de Ourense que, dende o
principio da autonomía, foi a primeira institución que publicou as leis, ordes
e decretos do nacente dereito autonómico galego".
Xestión de servizos
Coa recente reforma da administración local
asistimos a unha nova etapa da administración, "na que estamos pasando da
era da administración á de xestión de servizos, onde cada cidadán é un
auditor", explica Baltar, e engade que se impón a necesidade de
"racionalizar a administración", de eliminar duplicidades e
solapamentos, de deseñar un mapa claro, concreto e indubidable, tanto de
competencias como de procedementos. Todo pola seguridade xurídica e por unha
aposta sincera pola humanización da política pensando sempre no cidadán".
En opinión de Manuel Baltar, as deputacións
están chamadas a repensarse a si mesmas nun fondo proceso de reflexión
estratéxica para fornecer a súa posición institucional. "En Ourense
estamos apostando polo fortalecemento institucional, afondando nunha dirección
pública profesional e nunha cualificación técnica do persoal como eixo
estratéxico de futuro. Todo dentro dun marco de contención orzamentaria do
gasto público e con obxectivos de sostibilidade financeira".
"As deputacións, con máis de douscentos
anos de vida, deben reinventarse, optando pola modernización e a innovación,
gañando visibilidade institucional diante dos cidadáns amosando que o seu
rendemento institucional pode ser óptimo. A nova lei supón un marco innegable
de oportunidades".
Baltar defende unha tripla reforma para a
realidade provincial: competencial, de financiamento e de réxime electoral, e
di que é necesario aproveitar "unha estrutura que debe ser fundamental na
asistencia económica, xurídica e técnica aos concellos. Unha estrutura que
sirva para practicar o que denomino "fusión de servizos", isto é,
xestionar servizos intermunicipais previa delegación nas deputacións das
competencias dos concellos. O que vimos facendo en Ourense dende hai tempo, con
fórmulas de éxito como o servizo de recollida de lixo en máis da metade de
concellos da provincia".
Tamén lembrou o que xa trasladara no trámite
parlamentario correspondente -no debate dos orzamentos da comunidade autónoma
de Galicia-: a efectividade da previsión constitucional de participación das
deputacións nos impostos autonómicos ou a de reforma da lei de administración
local de Galicia trala aprobación da lei estatal. E no eido político, Manuel
Baltar dixo que o PP de Ourense actuará nas vindeiras eleccións municipais de
2015 como se fosen "eleccións provinciais".
Ourense como modelo
Manuel Baltar destacou que o éxito no
cumprimento do Plan OURENSE 92 fixo que a Secretaría de Estado de Facenda e
Administracións Públicas, "aprobara o plan que lle presentamos, de
Racionalización da Estrutura Administrativa Municipal. Un Plan que supón que o
modelo da nosa deputación sexa exportado a outras deputacións e gobernos
provinciais de España. Un plan que sitúa á Deputación como "axuntamento de
axuntamentos" e á provincia como "concello único". Nunha etapa
histórica onde non cabe outra opción que apostar pola administración
electrónica. Falamos da "pocket administration", da administración no
peto. Estamos a so un toque de dedo na pantalla do noso teléfono para que a
Administración reaccione. O mellor exemplo do que damos en chamar a
"Administración 3.0".
Baltar tamén subliñou o acordo plenario
adoptado no pleno do pasado venres, a iniciativa dunha moción súa, para contar
cun Código Ético ou de Conduta que regule as normas éticas de referencia tanto
para os cargos electos como para o persoal ao servizo da administración
provincial. Tamén anunciou a posta en dun plan de formación en transparencia e
acceso á información para os 92 concellos da provincia, e a organización dunhas
xornadas sobre transparencia e bo goberno nas entidades locais.
Todo este proceso de reformas continuará en
2014, dixo Manuel Baltar, coa elaboración e xestión da "Carta de Servizos
da Deputación de Ourense". "Este documento informará aos cidadáns
sobre os servizos que xestionamos e os compromisos de calidade que fixamos na
súa prestación. Unha tarefa irrenunciable: informar ao noso cliente -ao
cidadán- do que facemos, como o facemos, cando e onde, e tamén a que nos
comprometemos froito da nosa reflexión sobre o que somos capaces de facer. Unha
filosofía de traballo no goberno provincial inspirada nunha cultura de mellora
continua. Un proceso interactivo, un punto de referencia para a cidadanía, pero
tamén para a organización e para os provedores".
Innovar será ano, segundo define Manuel
Baltar, abrir unha liña de axuda aos concellos, o que se deu en chamar
"banca dos concellos", para que a Deputación preste os cartos que
demanden as corporacións locais a un interese cero. "Seguir sendo unha
auténtica plataforma de servizos para os concellos, é dicir, para os
cidadáns".
Solidariedade e equilibrio
Baltar avoga pola "solidariedade e o
equilibrio". "Fagamos os esforzos que nos pidan pero que non no los
pidan sempre a nós. Aumentar en poboación está en relación directa con decisión
públicas que faciliten investimentos. A perda de poboación é a fuxida cara
outras zonas máis dinámicas e industriais crea un grave problema demográfico.
Un tema no que estamos a traballar dende a área de benestar da Deputación, unha
das seis en que se estrutura organicamente a nosa administración provincial, en
colaboración directa tamén co executivo autonómico".
"Estamos nunha etapa na que temos que
facer máis con menos. Facemos máis como as competencias atribuídas por decreto
autonómico para a prestación de servizos sociais nos concellos (o Plan
BenOurense) e con menos porque, por exemplo, o Estado xa non aporta euro algún
ao Plan Provincial de Obras, circunstancia que deixou de facer en 2012".
Neste senso, o presidente provincia sinala
que o rigor hai que predicalo fundamentalmente da xestión económica. Ao inicio
do seu mandato, o endebedamento da deputación de Ourense estaba no 116 %; ao
remate de 2013 situábase no 69 % (47 puntos menos), "e segundo as previsións
que do goberno provincial, a 31 de decembro de 2014 estaremos nun 53,97 % de
endebedamento (62 puntos menos que a finais de 2011)".
"Pero rigor tamén para rebaixar os 140
días de media do pago a provedores ata os 17,4 días actuais, dende que entra a factura
no rexistro da Deputación; e tamén é rigor económico anunciar que, tralo
exercicio orzamentario de 2013, temos un remanente de tesourería que supera os
9.000.000 €".
En opinión de Baltar, moitas reformas neste
tempo serviron para que os orzamentos de 2014 contemplen unha subida do 11 %.
"E aproveito para dicir que tamén subirá o orzamento da Deputación para
2015, no que xa estamos a traballar, e que por primeira vez aprobarase no pleno
do mes de outubro".
Sen dúbida unha intervención de moito contido, que amosa un xeito moderno de xestionar unha administración.
Sen dúbida unha intervención de moito contido, que amosa un xeito moderno de xestionar unha administración.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.