Aprobada unha iniciativa para que os residentes no exterior poidan votar con plenas garantías e de forma máis sinxela

Debatemos hoxe no Pleno do Congreso dos Deputados a proposición de lei do Parlamento de Galicia de modificación da Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, para posibilitar a homoxeneización do procedemento de voto das persoas residentes no exterior co resto dos cidadáns.

Integraban a delegación galega tres deputadas autonómicas, unha delas a portavoz de Emigración do Grupo Popular, Paula Prado, quen expresou que “é necesario que os nosos cidadáns no estranxeiro exerzan os seus dereitos e, esencialmente, o dereito á participación electoral, con plenas garantías e da forma máis sinxela para o elector posible”.

Paula Prado comezou a súa intervención agradecendo “a  sensibilidade deste Parlamento ao debater esta proposta acordada de forma unánime polo Parlamento de Galicia e que busca un dobre obxectivo: por unha banda, garantir a transparencia e limpeza no exercicio do voto para máis de 1.700.000 residentes no estranxeiro; e por outra parte, facer sentir aos nosos cidadáns no exterior que son parte do noso presente e do noso futuro, que importan ao noso Estado e que son esenciais para sinalar o espazo de España no concerto internacional”.

Na súa intervención, Prado recordou que o Parlamento español reformou en 2011 con amplo consenso a LOREG con posterioridade á presentación da iniciativa lexislativa do Parlamento galego, co obxectivo de dar garantías ao exercicio do voto dos cidadáns residentes ausentes. Porén, lamentou que “a reforma naceu con boa intención, pero revelouse ineficaz porque a consecuencia foi unha caída espectacular na participación dos nosos cidadáns residentes no estranxeiro”.

En concreto, sinalou que co sistema actual pasouse duns índices de participación medios arredor do 30 por cento a menos do 5 por cento nas últimas eleccións xerais, debido principalmente á falta de implementación de recursos técnicos que faciliten a solicitude e o exercicio do voto.

“Por este motivo, os grupos que conformamos o Parlamento de Galicia solicitamos nestas Cortes unha reforma da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral que, sen menoscabo da articulación das garantías necesarias para un exercicio do voto transparente, impulso unha recuperación da participación dos nosos cidadáns residentes no estranxeiro”, demandou a portavoz do PP de G.

Paula Prado con deputados galegos
Paula Prado concretou que “a filosofía que sustenta esta petición é clara: o exercicio democrático dos dereitos de participación baséase na igualdade”. Neste punto, engadiu que “igualdade no exercicio do dereito ao voto é o que solicitan os nosos residentes no exterior”.

“Debemos buscar os sistemas técnicos máis apropiados que aúnen a necesidade de garantir a transparencia e lexitimidade no exercicio do voto no estranxeiro coa necesaria accesibilidade e facilidade neste exercicio para os nosos electores”.

Logo no turno de posicionamento dos Grupos Parlamentarios, interveu polo GPP o deputado popular por León e secretario executivo do PP no exterior, Alfredo Prada, que asegurou que o Grupo Parlamentario Popular aposta por mellorar o procedemento de votación dos españois residentes no exterior, que “merecen que facilitemos, o máximo posible, o seu dereito a exercer o voto, contando coas máximas garantías xurídicas, a máxima transparencia e incentivando todo o posible a participación”.
 
Na súa intervención recordou que estes “son un importante corpo electoral”, composto, segundo os últimos datos publicados pola Oficina do Censo Electoral, por 1.714.363 españois con dereito a voto inscritos no CERA (Censo de Españois Residentes Ausentes).

Para dar idea da importancia dos españois residentes no exterior, Prada explicou que “nun hipotético escenario no que a totalidade dos inscritos no Censo Electoral de Españois Residentes en España (CER) e no CERA exercesen o seu dereito ao voto, os residentes no exterior supoñerían a cuarta provincia con maior  número de votantes de toda España, só por detrás de Madrid, Barcelona e Valencia”.

Neste sentido, recordou que a reforma que se aprobou en xaneiro de 2011, “trataba de dotar ao proceso de votación dunha maior transparencia e seguridade xurídica” e que desde a súa aprobación, celebráronse en España sete procesos electorais, que demostraron unha maior seguridade, pero han ter como consecuencia “unha menor participación do electorado residente no exterior, debido en gran medida ás dificultades na distribución do correo”.


Prada detallou os datos de solicitude de voto e de votantes nos procesos electorais realizados desde a entrada en vigor da Lei de 2011, destacando que “a conclusión á que podemos chegar é que a participación en xeral descendeu vertixinosamente no exterior, e que daqueles españois residentes no exterior que desexan participar nos procesos electorais solicitando o seu voto, só un 50% de media logran efectualo”.

“A posibilidade de votar”, continuou, “é un dereito que teñen todos os españois, sen importar que vivan en España ou noutro país, porque cando un vaise perde moitas cousas, pero non perde a súa nacionalidade”.O vínculo mantense, máis hoxe grazas ás tecnoloxías da información, sen esquecer aos que envían en remesas o froito do seu esforzo e a dor da distancia”, engadiu.

Por iso, sinalou o deputado popular, “o Grupo Parlamentario Popular cre necesaria unha revisión da actual norma e alcanzar un acordo das forzas políticas no ámbito parlamentario co fin de mellorar o procedemento de votación dos españois residentes no exterior”.

Así, a Proposición de Lei debatida hoxe no Congreso debe, na súa opinión, “ser o punto de apoio, o vehículo que facilite unha reforma que conlleve unha maior participación, sen merma das garantías e da seguridade xurídica do procedemento de votación, e sen esquecer que os españois do exterior, non por estar no exterior, son menos españois”. 


Sometida a votación, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobouna, con 305 votos a favor e 11 abstencions ( sorprendentemente 2 foron do BNG), a toma en consideración da proposta do Parlamento de Galicia, de modificación da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeneral, para posibilitar a homoxeneización do procedemento de voto das persoas residentes no exterior co resto dos cidadáns, que inicia así o seu tramitación parlamentaria.

Unha excelente nova, especialmente para os deputados galegos do PP que vemos como prospera unha iniciativa procedente do Parlamento de Galicia, e apoiada polo goberno de Feijóo.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.
Con la tecnología de Blogger.