miércoles, 2 de octubre de 2013

Espíritu constructivo dos Presidentes da Xunta de Galicia

Recibo hoxe cunha enorme satisfacción o feito de que tivera lugar en Santiago de Compostela un Encontro dos ex-presidentes da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Emilio Pérez Touriño e do presente Alberto Núñez Feijoo.

Ao remate acordaron un comunicado conxunto – que reproduzo - no que fixeron públicas as  conclusións do falado.
 
“1. Transmitimos a nosa decisión de repetir os Encontros de Presidentes como o que nos reuniu no día de hoxe con carácter periódico.
 
2. Apostamos por recuperar o espírito dos que, no inicio da Autonomía, souberon poñer a un lado os intereses particulares para centrar a súa acción política na articulación de amplos pactos e consensos nos principais asuntos de interese xeral.
 
3. Comprometémonos a facer propostas construtivas nacidas do diálogo e do consenso porque son máis útiles para a sociedade, especialmente en asuntos de carácter estrutural para Galicia.
 
4. Amosamos a nosa convicción de que traballar desde o esforzo compartido é a fórmula máis útil para mellorar a competitividade do conxunto de Galicia e para afrontar os retos que a nosa Comunidade ten por diante.
 
5. Dentro do marco da Acción Exterior da Xunta de Galicia, acordamos participar de xeito máis activo na representación da Comunidade Autónoma en determinadas viaxes ou actos institucionais, tanto de carácter económico como cultural.
 
6. Decidimos traballar para facer propostas concretas en asuntos estratéxicos para Galicia, como os que se sinalan a continuación ou outros do mesmo impacto transversal:
  • Recoñecemos a necesidade de afondar no estudo do actual modelo de organización territorial e administrativa, co dobre obxectivo de mellorar a calidade dos servizos prestados aos cidadáns e garantir a súa sustentabilidade.
  •  Tamén decidimos afondar no estudo de fórmulas para un mellor aproveitamento económico do rural galego, con especial atención ao potencial do noso sector forestal co obxectivo de que sirva como panca para o desenvolvemento e revitalización de moitas zonas, sobre todo no interior de Galicia.”
Comparto absolutamente todas as conclusións, e felicito a todos os Presidentes polo sua xenerosidade e disposición a propiciar consensos nos principais asuntos de interese xeral de Galicia.


 


Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta. Grazas.